turismo

Concurso fotográfico sobre a riqueza paisaxística e patrimonial de Arbo

O Concello convoca a primeira edición dun certame que se fallará en xuño

Pesqueira do río Miño, en Arbo.  | // ANXO GUTIÉRREZ

Pesqueira do río Miño, en Arbo. | // ANXO GUTIÉRREZ / V.P.

V.P.

O Concello de Arbo convoca a primeira edición do certame fotográfico “Arbo, Vila da Lamprea”.

Poderá participar neste concurso fotográfico calquera persoa maior de idade, sexa profesional ou afeccionado, sempre que os seus traballos se axusten ás bases. A temática é libre pero deberá estar vinculada con Arbo; cos seus valores turísticos, patrimoniais, naturais, socioculturais, ambientais, etc.

As fotografías que se presenten a concurso deberán enviarse ao correo electrónico oficinas.concellodearbo@gmail.com.

O prazo límite de presentación é será o 10 de xuño e a votación realizarase entre os días 14 e 20 de xuño.

O concurso forma parte das actividades de promoción da Festa da Lamprea e pretende atraer visitantes ao municipio, que estes coñezan os atractivos turísticos que ofrece, e tamén eles conten a través das súas fotografías a súa experiencia.

Ademais, o certame contribuirá a ampliar o arquivo fotográfico do Concello para usar as imaxes nas redes sociais e nas campañas de promoción.

As bases poden consultarse na web www.concellodearbo.es.

Concurso Brais Alonso

Outro certame xa consolidado en Arbo é o de “Brais Alonso” que vai pola súa oitava edición. Un concurso de carteis con motivo da XXVI Festa da Lamprea Seca, que se celebrará o 7 e 8 de agosto.

As propostas serán entregadas no soporte orixinal e electrónico á máxima resolución. Poderán presentarse até dous carteis por participante. Outorgaranse dous premios; de 400 e 300 euros. O prazo para presentar as propostas finalizará o 14 de xuño de 2021.