Logo de anos en desuso e actualmente en estado ruinoso, a Batería de Costa de Cabo Silleiro será obxecto dun concurso de ideas para seleccionar un proxecto de reforma das instalacións e convertelo “nun espazo para diferentes actividades, multiocio”, asegura o alcalde de Baiona, Carlos Gómez. “Temos que facer o mellor proxecto do mundo porque o sitio o merece”, subliña, de aí que o goberno local aposte por “convocar un concurso de ideas que posibilite proxectar o maior potencial deste espazo”.

O rexedor local así llo trasladou nos últimos días ao Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, nunha visita ao lugar. Neste senso, informoulle da reunión mantida con representantes do colexio de arquitectos co obxectivo de iniciar, na maior brevidade posible, os preparativos para dito concurso. Pola súa banda, Miñones felicitou a xestión do Concello baionés e puxo en valor a sensibilidade do Ministerio de Defensa para facer a transacción, confirmando que se está realizando os trámites necesarios para poder escriturar a propiedade a nome do Concello.

Blindaxe da costa sur

Defensa puxo á venda a Batería de Costa de Cabo Silleiro xunto con outras instalacións e bens inmobles no ano 2013, dentro do Plan de Racionalización de Bens Inmobiliarios do Ministerio. O prezo inicial da venda superaba os 500.000 euros, cifra que, co acordo acadado o pasado mes de marzo, se viu rebaixada ata os 369.060 euros.

Esta batería formaba parte, xunto ás baterías J1 do Cabo de San Vicente, J2 de Udra, J3 Monteferro, J5 Bajo e J6 A Guarda, dun conxunto de fortificacións do século XX que tiña por obxecto blindar a costa sur da provincia de Pontevedra.

Os terreos onde se asenta a Batería de Costa de Cabo Silleiro foron ocupados cara 1940, mentres que as obras máis significativas de infraestruturas e instalacións tiveron lugar entre 1945 e 1969.

Trátase dun complexo militar formado por varios edificios, canóns e túneles que a día de hoxe atópase en estado ruinoso. A superficie aproximada da batería adquirida polo Concello de Baiona é de 98.000 metros cadrados. Dispón de catro canóns de artillería Vickers de 1943, cun alcance de 16 quilómetros, alienados na ladeira do monte, e que nunca foron usados. Estes canóns están unidos por túneles escavados no granito. En total, a ladeira do monte está atravesada por 200 metros de pasadizos que, orixinalmente, tiñan raís para posibilitar o transporte da munición. No seu interior tamén se construíu un búnker de telemetría que se reabriu no 2002 para observar a marea negra do Prestige.