Na súa viaxe por toda Galicia a exposición “Aquela nena de Sarria” chegou esta semana a Tui. Trátase dunha ducia de paneis que recolle a nenez de Xela Arias, a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas, e que pode visitarse na biblioteca municipal.

A vinculación da escritora co rural e co noso idioma quedan reflexados neste proxecto do colectivo Egeria a quen o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradecía traer a mostra á cidade transfronteiriza, convidando á veciñanza a achegarse “porque é unha exposición sumamente interesante sobre os seis primeiros anos de Xela Arias, que nos identifica e nos traslada a outro territorio coma é o rural lucense”. Engadía, durante o acto inaugural da exposición, que se trata “dunha magnífica ocasión para seguir aprendendo e vivindo a cultura de Galicia”.

Pola súa banda, o presidente de Egeria, Xulio Xiz, explicaba coma os tres anos que Xela Arias viviu en Sarria “a marcaron tan fortemente que sempre volvía ao seu pobo, e logo faríao tamén co seu fillo”. Unha relación que queda reflectida nas fotografías que forman parte da mostra, parte procedentes do álbum familiar. Imaxes que logo foron o punto de partida dunha serie de debuxos realizados pola pintora lucense Sabela Arias, que “complementan á propia fotografía”. Recolle tamén a traxectoria dende “Xeliña fala galego” até chegar o momento actual “onde un conxunto de mulleres, ‘Elas’, seguidoras ou compañeiras de viaxe de Xela nos ofrecen precisamente poemas na súa honra”.

Ata este momento, a exposición ten percorrido os centros educativos de Sarria e a casa da cultura deste concello lucense, as bibliotecas provinciais de Lugo e a Coruña, o Colexio Fingoi, os institutos Rosalía de Castro (Santiago) e Castelao (Vigo), onde estudou Xela Arias, e o Centro de Formación Profesional Manuel Antonio de Vigo.

Logo da súa parada en Tui (hoxe é o último día), a mostra ten comprometido acudir a Cangas, Ribadeo, Quiroga e distintas localizacións na cidade das murallas.