Antón Alonso Ríos, mestre, escritor e político de tendencia agrarista fíxose pasar por mendigo durante a Guerra Civil. Para non ser descuberto inventouse unha nova identidade, Afranio foi o nome elixido. O Siñor Afranio foi traballou de xornaleiro e foi criado e logrou sobrevir ao tempo que foi vendo como amigos e compañeiros eran capturados, torturados e asasinados. Logrou pasar a Portugal dende onde embarcou para Casablanca e de alí para Bos Aires, onde foi recibido como un símbolo do triunfo da resistencia. Unha vez nas Américas Alonso Ríos participou do galeguismo no exilio ata a súa morte en 1980.

As súas memorias están recollidas no libro O Siñor Afranio, publicado por primeira vez en 1979 pola Editorial Castrelos da man de Xosé María Álvarez Blázquez. Foi reeditada pola Editorial A Nosa Terra no ano 1996, esgotándose todos os exemplares, e agora preséntase unha nova edición realizada polo Concello de Tomiño a cargo da historiadora Natalia Jorge Pereira.

Con tal motivo, o mercado de Tomiño acolleu o acto de presentación desta terceira edición, evento que tamén foi retransmitido en directo por streaming a través das redes sociais, acompañándoo por esta canle persoas achegadas ao protagonista desde países como Arxentina, Perú, Estados Unidos ou Francia, entre eles o seu neto Diego Clemenz Alonso, quen aproveitou para mandar agradecementos e felicitacións en nome de toda a familia.

A presentación da obra supón poñer un broche de ouro a catro anos de memoria iniciada co proceso participativo polo cal o IES de Tomiño pasou a chamarse Antón Alonso Ríos. Virían despois outros actos como as xornadas en homenaxe ao mestre desenvolvidas no ano 2017, das cales se extraeron importantes contribucións que estarán presentes nesta nova edición do libro. Algunhas delas son as lembranzas de varios membros da súa familia; as conclusións extraídas da mesa redonda celebrada o último día das xornadas nas que se mostra a súa dimensión máis humana, elaboradas pola xornalista Rita Alonso; intervencións dos historiadores Xosé Manoel Seixas e Xosé Manuel Malheiro; reflexións do cineasta Víctor Aparicio, creador do documental O Siñor Afranio protagonizado por Luís Tosar ou un relato de ficción elaborado polo xornalista tomiñés José Benito Fernández, afincado en Madrid, entre outras novas aportacións que complementan a obra orixinal.

Mulleres loitadoras

Clave na historia por ser unha das primeiras achegas das memorias dos exiliados da guerra, O Siñor Afranio é tamén un periplo pola Galicia rural da época, un retrato das valentes e solidarias xentes que arriscando a súa vida axudaron a salvarlla a moitas persoas. “Cómpre destacar o papel das dobremente invisibilizadas, as mulleres loitadoras, coprotagonistas deste libro de fuxidos, porque son elas as que visten, esconden e lle dan de comer a Afranio, as que contribuíron a que hoxe poidamos falar de Alonso Ríos”, declarou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González durante o acto de presentación no que estivo acompañada por Bieito Alonso, responsable da anterior edición do libro feita por A Nosa Terra, e María Ortega, deputada provincial de Patrimonio Material, Memoria histórica e Normalización Lingüística.