O Concello da Guarda, a través da Concellería de Medio Ambiente, continúa traballando na mellora da compostaxe na vila, neste caso co reparto de máis de 200 composteiros individuais entre os veciños que realizaron a súa solicitude.

Estes kits de compostaxe constan dun composteiro individual, aireadores e termómetros, mercados pola Concellería de Medio Ambiente a través dunha subvención do Servizo de Residuos da Xunta de Galicia.

Realizaranse un total de cinco charlas informativas no centro cultural nas que a técnica de Medio Ambiente municipal é a encargada de ensinar aos veciños da vila como é o seu funcionamento, cunha breve formación e explicación da montaxe do composteiro. As persoas que se atopan en lista de espera serán chamadas para asistir a estas sesións formativas, que se realizan cun aforo limitado debido ás medidas sanitarias vixentes pola Covid-19.

O alcalde Antonio Lomba cualifica esta iniciativa como “moi boa, posto que axuda a reducir de xeito importante a cantidade de lixo orgánico que remataría doutra forma nos contedores, a maiores de que os seus usuarios poden empregar o compost que se xere para aboar as súas fincas ou cultivos”.

Montserrat Magallanes, concelleira de Medio Ambiente, aproveitou a ocasión para animar a todos os veciños que aínda non fixeron a súa solicitude a que se inicien na compostaxe e que soliciten un composteiro individual para as súas vivendas, axudando deste xeito ao medio ambiente. Poden solicitar un de balde chamando ao teléfono 986 61 00 00 ou enviando un correo electrónico ao enderezo medioambiente@aguarda.es

O Concello do Rosal vén de aprobar a licitación para a adquisición de 500 novos composteiros individuais que se repartirán entre a veciñanza que os solicite. As persoas interesadas en ter un soamente teñen que inscribirse na páxina web de Medio Ambiente do Rosal, no apartado de compostaxe, e solicitar o seu. O mestre composteiro ofrecerá toda a información e o asesoramento técnicos necesarios para poñelo en marcha e poder estar desfrutando en pouco tempo de compost

Serán de 400L de volume que irán acompañados de aireador, caldeiro e base antirroedores perfectos para colocar en vivendas que conten cun pequeno espazo.

Trátase dunha acción posta en marcha como parte da estratexia do Concello para potenciar a compostaxe individual nas vivendas do municipio, nas que actualmente hai instalados 408 composteiros con capacidade para tratar entre todos eles unhas 147 toneladas ao ano.

O Concello de Tui continúa tamén coa aposta pola compostaxe tanto comunitaria coma doméstica. Así, o pasado mes recibíronse 50 composteiros individuais, distribuídos xa entre as persoas que o tiñan solicitado nos últimos meses e que estaban en lista de agarda. Deste xeito son xa máis de 200 as vivendas tudenses que contan cun composteiro individual, a través dos cales se estima que se estea a xestionar 140 toneladas de residuos orgánicos

Este ano o Concello ten previsto adquirir 300 novos composteiros individuais. Dende o consistorio tense constatado un aumento na súa demanda. Aquelas persoas que desexen obter un poden cubrir a solicitude dispoñible no apartado de Medio Ambiente na web municipal tui.gal.