Apostando pola colaboración activa e estreita coa sociedade, para seguir avanzando nos distintos ámbitos municipais, o Concello do Rosal puxo en marcha, no último medio ano, un total de sete consellos municipais. O primeiro foi en outubro, cando botou andar o consello municipal de desenvolvemento local, xa neste 2021 creáronse o de igualdade e cultura o pasado mes e agora en marzo os de deportes, educación e o de medio ambiente, esta mesma semana, quedando pendente o de xente nova que se constituirá en próximas datas.

Todos eles están formados por veciños, persoas cunha relación estreita e experiencia en cada un dos campos; así como por representantes do goberno local, concelleiros e/ou alcaldesa.

Desenvolvemento local

Unha ferramenta pioneira que serve para facer unha diagnose da situación actual do municipio e traballar nunha estratexia integral de crecemento do Rosal con accións a realizar a curto, medio e longo prazo, así presentouse no seu momento o consello municipal de desenvolvemento local. Tratábase dun primeiro paso para fomentar a participación veciñal, imprescindible para manter unha relación acaída coa realidade social do municipio, creando unha ferramenta cun marcado carácter consultivo que servirá para analizar e reflexionar sobre os diferentes aspectos de cada ámbito de actuación.

O consello está formado por unha vintena de persoas de todas as idades con experiencia en diferentes ámbitos de actuación e vinculadas ao sector primario e servizos, á cultura, aos coidados, ao eido deportivo, aos seguros ou á hostalaría.

Igualdade

Traballando a prol dunha nova conciencia social baseada no respecto por todas as persoas, independentemente do seu xénero, foi coa finalidade que botou a andar o consello municipal de igualdade.

Intégrano tamén unha vintena de persoas de diferentes idades e perfís, como estudantes; persoal técnico en igualdade, saúde mental e diversidade; educadora familiar e educadora social; profesorado; membros das Anpas; profesionais en socioloxía, psicoloxía e sexoloxía.

Cultura

O consello municipal de cultura funciona como viveiro de ideas e foro de debate para continuar apostando por unha vida cultural activa e segura na localidade, na que os barrios seguirán a ter un gran protagonismo.

O Consello está integrado por representantes de diferentes agrupacións e asociacións de festas e musicais e do propio párroco do Rosal.

Deportes

Integrado por representantes de todo o tecido deportivo do Rosal, funciona como foro de debate e reflexión, como viveiro de propostas e como fonte de visión crítica para abordar calquera cuestión relacionada con este eido na localidade.

Intégrano ademais dos concelleiros competentes nesta área, representantes de diferentes equipos e clubs, así como deportistas

Educación

Presentouse tamén neste mes o consello municipal da educación, un espazo de traballo colectivo a prol da ensinanza.

Xunto aos concelleiros de Educación e Participación Veciñal, está integrado por representantes do profesorado dos diferentes centros educativos, das Anpas e doutros colectivos, ademais dunha psicóloga e a educadora familiar municipal.