“Un certame singular e único que organiza o Concello do Porriño coa intención de crear novas formas de expresión artística, querendo romper estándares e normas non escritas da arte”, así presentou Camila Moreira, concelleira de Cultura, Mocidade e Festas, a “Batalla de Debuxantes Improvisdado”.

A finalidade principal desta iniciativa de intervención creativa, baseándose no debuxo e a pintura, é ofrecer un espazo creativo onde pasalo ben, amosar e apoiar o traballo dos artistas, favorecendo as relacións e conexións contraculturais das persoas mediante a participación activa na rúa.

Para esta segunda edición “vaise simplificar o método de inscrición a través dun formulario nunha páxina web específica do concurso, www.vellaescola.com/improvisdado”, explicou Pablo Castiñeira, responsable de “Vella Escola”, entidade produtora do certame. A páxina web estará dispoñible de xeito inmediato.

O certame desenvolverase en dúas fases: a primeira en liña, que comprende as inscricións e presentación de debuxos, con prazo ata o 15 de maio, e a segunda presencial, que será competición entre os oito artistas finalistas.

Escenario final

Outras dúas novidades serán o aumento da bolsa de premios para os finalistas e o escenario onde terá lugar a final, que este ano representará un taller mecánico, cun coche incluído. Precisamente ese escenario da final mudará este ano, trasladándose ao Parque do Cristo. Neste senso, Moreira manifestou que “no Porriño temos certa tendencia a localizar moitos eventos na praza do Concello e pensamos que é bo explorar outras zonas a ver como funcionan cun evento de visualización tan plástica”.