As lampreas que se pescan no Miño, á altura de Arbo, saben diferente ás capturadas noutros puntos do seu curso ou mesmo noutros ríos como o Tea ou o Ulla. A súa cor, a súa textura e o seu sabor son diferentes en Arbo, onde a lamprea se cociña en tempada seguindo as receitas conservadas xeracións tras xeracións, facendo desta vila da Paradanta, a capital mundial da lamprea.

Este peixe ciclóstomo de sabor potente está agora en plena tempada. De xaneiro a abril é o mellor momento do ano para saboreala. O prato típico en Arbo é “á arbense”, cociñada no seu propio sangue.

Os restaurantes de Arbo son os escollidos, preferentemente, polos seus amantes para darse o gusto de saboreala. Os seus cociñeiros e cociñeiras dominan a arte de potenciar as súas calidades únicas.

“Estamos en tempada de lamprea e nos nosos restaurantes e casas rurais serven lamprea no menú” lembra o alcalde de Arbo, Horacio Gil.

O rexedor arbense matiza que “os establecementos hostaleiros de Arbo son acolledores, accesibles, e contan con todos os servizos, adaptados ás circunstancias sanitarias, compren todas as medidas de seguridade para evitar a propagación da COVID-19”.

Con todo, aqueles que non poden achegarse a Arbo nestes primeiros meses do ano poden probar a lamprea noutra época, xa que a lamprea seca ofrece numerosas elaboracións: rechea, guisada con fideos e tirabeques, frita, asada á brasa, en empanada, etc. De feito, tamén agora en tempada é posible degustala tamén seca como entrante.

“Para comer e beber, pasear, aprender e relaxarse ou para queimar adrenalina nunha contorna máxica, Arbo é digno de visita, e os seus hospitalarios veciños, os perfectos anfitrións” enxalza GIl.

Semana Santa

As galegas e galegos que estean programando unha escapada segura e chea de sabor para esta Semana Santa teñen en Arbo un bo destino candidato.

Arbo ten pazos de gran valor, moitos convertidos en adegas ou aloxamentos de turismo rural, muíños, unha ponte románica que foi testemuña dunha gran batalla entre o exército napoleónico e os arbenses ou mostras de arte como as pinturas murais da igrexa de Sela. E, por suposto, as pesqueiras que locen en toda a ribeira do Miño, río no que tamén é posible practicar deportes de aventura.