O proxecto “Jamii” de creación dunha plataforma para captar fondos e recursos creando comunidade a través da difusión das súas iniciativas sociais de xeito xeolocalizado foi a proposta coa que o equipo formado por Celso Gómez (área negocios), de Oia, e Eduardo Castro (desenvolvedor) Jarold Lugo (desenvolvedor), Henar Alonso (deseñadora) e Isabel Alonso (experta no terceiro sector), da Guarda, se fixo co primeiro premio do #SocialHack, o Hackaton do Terceiro Sector organizado pola Deputación de Pontevedra a través de Smartpeme.

Estes mozos proclamáronse gañadores dun concurso en liña de oito grupos multidisciplinares no que participaron unha trintena de persoas procedentes de Barcelona, Cerdanyola, A Coruña, A Guarda, Madrid, Oia, Pontevedra, Santiago, Torremolinos, Verín e Vigo.

O equipo gañador, que con este primeiro premio obtivo 2.000 euros, conseguiu a máxima puntuación (12,1 puntos) do xurado, que na súa valoración tivo en conta o grao de desenvolvemento das propostas, o deseño, a súa dificultade técnica e a presentación final.

“Jamii” consiste nunha páxina web que por unha banda permite realizar doazóns, participar en actividades de voluntariado, facerse socia/o de entidades e tamén solicitar as súas axudas. A través da xeolocalización, a plataforma redirixe automaticamente aos proxectos máis próximos.

O segundo premio, dotado con 1.000 euros, foi para o equipo formado por Carlos Rodríguez, Jaime Martínez, Alberto Fernández e Jesús Pérez, todos eles de Santiago, pola súa proposta “Kune”, que acadou 11,5 puntos na valoración do xurado. Consiste nunha plataforma que reforza a transparencia e a rendición de contas, co fin de responder a unha sociedade que demanda máis información e participación na toma de decisións. Nesta web cada usuario conecta coas entidades sociais que están acorde aos seus obxectivos para facer voluntariado ou colaboracións económicas. Para elo, as organizacións están clasificadas segundo os ODS da Axenda 2030 aos que responden e tamén se lles dá un certificado de transparencia.

Finalmente, o terceiro premio, de 500 euros, foi para o equipo formado por Pío Iglesias, Rafa Rodríguez e Jose Sánchez, todos eles de Pontevedra e agrupados baixo a proposta “HelpDepu” (10,1 puntos). Trátase dunha plataforma web que serve de ponte entre a Deputación e persoas usuarias que buscan satisfacer unha necesidade. Nela hai un directorio de entidades sociais, categorizadas segundo o seu ámbito de actuación e un formulario de contacto para que a xente envíe as súas consultas. No momento de enviar a mensaxe, a web dirixe a persoa a un listado coas entidades que detecta que lle serán de máis axuda.

Todos os equipos que fixeron as súas presentacións subliñaron a importancia de traballar para colectivos e entidades que destinan o seu esforzo a axudar ás persoas que máis o necesitan.