A sala de usos múltiples do auditorio municipal de Ponteareas acolleu a presentación do audiolibro “O neno Groba e Música”, última publicación da Fundación Rogelio Groba.

Un conto ilustrado acompañado pola música do mestre Groba que presenta a un neno dunha aldea da Galicia de 1930 que coñece a música dun xeito peculiar.

O audiolibro vai dirixido aos máis pequenos e as súas familias. “O neno Groba e Música” é un audiolibro no que, a través da palabra da guionista Lidia Fraga, dos debuxos do ilustrador Julio Seijas, da voz do actor Luis Iglesia e da música do propio compositor, amosa o descubrimento do neno Groba cando atopa na música a súa paixón vital.

Inclúe un conto ilustrado de 48 páxinas que conta a vida do mestre en relación coa música para que os nenos e nenas, e con eles as súas familias, coñezan dun xeito lúdico os complexos inicios dese neno e, ao mesmo tempo, achegue unha mensaxe de que todo pode ser posible con esforzo e traballo. Inclúe un cd no que o actor Luis Iglesias conta a historia acompañado de anacos de obras compostas polo mestre.

As obras do mestre son interpretadas por grandes orquestras como The London Symphony, a Orquesta Sinfónica de Galicia ou a Orquestra de Cámara de Stuttgart ademais da Orquestra de Cámara Galega.