O Concello de Nigrán conclúe coas parroquias de San Pedro e Nigrán un traballo de cinco anos para recompilar toda a microtoponimia da localidade. Durante este tempo o Concello contratou sucesivamente ao Club Espeleolóxico Maúxo para realizar Chandebrito e ao Instituto de Estudios Miñoranos para Priegue, Panxón, Camos, San Pedro e Nigrán, entregando o IEM estes dous últimos o pasado mes.

Grazas a eles, toda pequena referencia xeográfica (camiños, campos, leiras, fontes, hórreos, pazos, montes, lavadoiros, presas, regatos...) co seu nome correcto está xa documentada e xeolocalizada para sempre e sen risco de que se perda. Ademais, realizouse un catálogo e actualización dos bens patrimoniais de cada unha das sete parroquias e se recolleron os ditos, lendas, cancións populares ou refráns da zona.

O Concello de Nigrán convértese así no primeiro da comarca en glosar toda a súa microtoponimia.

“O patrimonio cultural non se limita a monumentos e coleccións de obxectos, senón que comprende tamén tradicións ou expresións vivas herdadas dos nosos antepasados e transmitidas aos nosos descendentes, como tradicións orais ou nomes de lugar (topónimos)”, explica o alcalde de Nigrán e historiador Juan González.

Paralelamente, o Concello está a aplicar estes estudos para "bautizar" oficialmente ducias de rúas non inventariadas e sen nome oficial.