O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, renovou os convenios de colaboración anual con diferentes entidades sociais do municipio e da comarca, a través da concellaría de Benestar Social, cunha dotación total de 10.000 euros. A firma enmárcase dentro da política do executivo de facilitar as ferramentas e medios posibles ás organizacións deste tipo ou comunitario que coa súa actividade redundan en beneficio dos veciños de Gondomar.

É o caso do Centro Juan María, que atende a mozos do municipio así como da comarca do Val Miñor, e que percibirá unha axuda de 3.000 euros para o desenvolvemento de actividades e atención do alumnado que nel se atende. Ademais tamén se asinaron os convenios de colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro, cunha dotación de 2.000 euros, a mesma cantidade que percibirá a Asociación Avelaíña, dedicada á atención de persoas con problemas de saúde mental; así como con Autismo Vigo e a Asociación de Axuda ao Pobo Saharahui, cunha achega de 2.000 e de 1.000 euros anuais, respectivamente.

Por outra banda, o rexedor subscribiu convenios de colaboración coas Asociacións de Nais e Pais (Anpas) dos colexios da localidade, incrementando a dotación orzamentaria en 350 euros, xa que “sen dúbida toda axuda para afrontar a volta ao cole neste momento que vivimos é necesaria e as administracións debemos estar aí, na medida do posible”, computando un total de 9.900 euros.

Así subscribiron o convenio as representantes das Anpas dos centros de educación infantil e de primaria (CEIP) Xosé Neira Vilas, Souto Donas, Chano Piñeiro e Serra de Vincios, que recibirán unha subvención de 2.100 euros cada unha delas. E súmase este ano a Anpa do Colexio Rural Agrupado Antía Cal que por primeira vez subscribiu dito convenio co concello, dotado con 1.500 euros.