Arrancou “Claqueta Violeta” no Rosal e chegou “Violencia Zero” á Guarda. Comprometidos ambos concellos coa igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, acollen iniciativas dirixidas a fomentar a desaparición de roles e estereotipos de xénero, loitar contra a desigualdade e previr a violencia neste ámbito.

O concello rosaleiro vén de poñer en marcha un proxecto co que se leva ás aulas esta temática para facer unha chamada á acción á mocidade; axudalos a reflexionar sobre a igualdade a mozos e mozas e á súa contorna familiar; amosarlles que existen outros tipos de masculinidade alternativos aos tradicionais máis positivos, respectuosos, igualitarios e libres; apelar á necesidade de que o home se implique como acto na loita feminista e promocionar o uso responsable das novas tecnoloxías

Para acadalo, alumnado de 3º da ESO do CPI Manuel Suárez Marquier xa traballa por grupos na primeira actividade do proxecto, un obradoiro de creación de curtametraxes no que ademais de proporcionar aos participantes coñecementos sobre a creación e edición audiovisual, trabállase na promoción da igualdade e na prevención da violencia de xénero. “O obxectivo é estimular a participación do alumnado e a súa implicación, non só como espectadores e espectadoras, senón como actores e actrices no eido da igualdade. Buscamos axudar a desenvolver persoas adultas que defendan a equidade, a liberdade, a autonomía, a solidariedade e, sobre todo, a xustiza”, salienta Sara Vicente, concelleira das áreas de Xuventude, Igualdade e Muller.

O proxecto complementarase cunha conferencia sobre “Novas masculinidades: o papel do home na loita contra a violencia de xénero’, na que participarán representantes de AHIGE Euskadi, unha asociación destacada polo seu traballo a prol da construción de novas masculinidades que forma parte da rede da Asociación de Hombres por la Igualdad, presente en numerosas comunidades autónomas. Por último, co fin de achegar o traballo realizado á poboación xeral, iranse publicando nas redes sociais do Concello todas as curtas creadas polo alumnado.

A poesía feminista de Lúa Mosquetera soou no Concello da Guarda como unha chamada á reflexión e ao cambio fronte a violencias machistas na nova acción do programa da Deputación de Pontevedra “Mulleres en Acción. Violencia Zero”. A proposta da artista tivo como escenario o campo de fútbol da Sangriña, coa asistencia de alumnado e profesorado do IES do mesmo nome, amais da deputada provincial de Igualdade, Victoria Alonso, e o alcalde da localidade, Antonio Lomba.

A través da base musical do reguetón, un xénero tipicamente machista, Mosquetera puxo o foco nos micromachismos que sofren a diario as mulleres e na necesidade dun cambio na busca da igualdade. A poeta recitou dous dos seus poemas, “Por si nunca vuelvo a casa” e “Reguetón”, este último baseado nas testemuñas reais de dez mulleres e que tivo unha grande repercusión trala súa estrea este verán en redes sociais. “Mandeilles un cuestionario a estas mulleres e as súas respostas foron unha revelación para min. Dinme conta da cantidade de micromachismos que as mulleres sufrimos de xeito bestial a través de actitudes cotiás e, de xeito, moitas das respostas destas mulleres se repetían”, explicou a artista.

Lúa Mosquetera chega á Guarda con “Violencia Zero”. // D.P.