Temos a posibilidade de mellorar a nosa contorna, a nosa sociedade e a economía local cun pequeno xesto: mercar ás persoas que producen e transforman produtos na nosa zona. Esa é a idea coa que xurde a campaña de sensibilización Parte de ti posta en marcha pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural, unha entidade sen ánimo de lucro formada por todo o tecido asociativo que hai nos municipios de Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Redondela, Mos, O Porriño, Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán e Gondomar máis os propios concellos, os cales traballan na elaboración dunha estratexia de desenvolvemento rural para todo o territorio.

Esta iniciativa parte do obxectivo do grupo de crear unha marca quilómetro cero para poñer en valor o produto local. "Unha campaña de sensibilización que non se centra tanto no feito de mercar no comercio local, pois este tema xa está a recibir un grande apoio polos concellos, senón que o apoio se dirixa aos produtores transformadores e comercializadores do rural", sinalan.

Historias de produtores

Parte de ti trata de sensibilizar, concienciar e informar baseándose nas historias dos produtores que contan a súa historia en vídeos (colgados na web http://partedeti.eurural.org e nas redes sociais de Eurural) a través dos cales achegan a realidade do rural ao espectador.

"A campaña Parte de ti é froito do traballo e a implicación de moitas desas persoas anónimas que temos no rural. Persoas emprendedoras, idealistas, comprometidas, soñadoras, loitadoras€ ás que lle queremos por nome, coñecelas e escoitar as súas historias", explicaba Sandra González, alcaldesa de Tomiño e presidenta do grupo durante a presentación no mercado da localidade.

As rosquillas Cristaleiro de Gondomar, os kiwis ou as camelias do Baixo Miño, os mirabéis do Rosal e o pan do Porriño son algúns deses produtos quilómetro cero. Así, un grupo de emprendedores estiveron tamén presentes no acto e incluso interviñeron, como foi o caso de José Manuel Fernández, de O Forno de Mosende, o cal, tras a proxeccións do vídeo no que se amosaba a súa historia como panadeiro, ofreceu unhas verbas para poñerlle voz aos produtores e falar da situación do pan do Porriño. "Nós traballamos no rural e na cidade. Ás veces escoitas a clientes da cidade dicir como nos lembra este pan ao pan que comiamos no pobo, o que se facía con leña. Que tranquilidade e que vida tiñamos. Moitos deles vivirían no rural se tivesen oportunidade", sinalou.

"Tes ao teu carón proxectos moi interesantes dos que xorden produtos de gran calidade. Na túa man está facer un consumo consciente e incluílos no teu día a día. Deste xeito axudas a economía de proximidade e evitas o éxodo ás grandes cidades", inciden dende a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural.