A pandemia da Covid-19 obrigounos a todas e todos a refacer moitos dos nosos plans, no entón presente máis inmediato (mediados de marzo) e tamén máis a longo prazo. Incluso paralizou cambios importantes nas nosas vidas persoais como é o de mudar de estado civil.

Moitas parellas que tardaran en decidir a mellor data para celebrar a súa voda, viron como o seu plan inicial, a súa lista de invitados ou a súa viaxe de lúa de mel, se esfumaban.

Cada parella encarou a situación de maneira distinta. Algunhas pospuxeron o enlace o menor tempo posible, moitas foron as que decidiron aprazar o casamento para o vindeiro ano a espera de que a crise sanitaria mellore e unha minoría optaron por anulala, polo momento, a espera dun mellor contexto para festexar a súa unión.

Por motivos de saúde

A delicada saúde dos seus pais foi o que levou a Dominica González, da parroquia de Sobrada, en Tomiño, a non agardar máis para contraer matrimonio co portugués Marco Filipe Malheiro e casar o pasado 29 de agosto.

Nunha cerimonia civil, dirixida por un concelleiro do goberno tomiñés no xardín nun restaurante en Tebra, casaron acompañados dos seus fillos, que exerceron de padriños.

Ter que levar a máscara non foi un problema aínda que Dominica recoñece que, en pleno agosto, "foi un pouco asfixiante pola calor que fixo". Os invitados ao banquete respectaron as normas e levárona posta incluso no baile "onde peor se levou" recorda Dominica. Ela e Marco e os padriños, ao ser conviventes, puideron quitar a máscara con tranquilidade tanto para as fotos como no xantar. "Tratei de organizar as mesas por familias e por iso as mesas foron de distintos tamaños, de 5, 7 ou 10 invitados" explica.

Dominica e Marco foron unha das moitas parellas que tiveron que renunciar a ter presentes nese día a moitos familiares residentes no estranxeiro e contar unicamente con 70 invitados. "Temos parentes en Canadá, América, Alemaña... e chamámolos para explicarlles a situación e entendérono perfectamente, de feito moitos xa non poderían nin viaxar" relata Dominica, feliz por ter cumprido o soño de casar ante a súa nai e o seu pai.

Sen abrazos nin bicos

Nas vodas que se celebraron na bisbarra nos últimos meses non houbo por suposto, nin bicos nin abrazos cos invitados unha vez que os noivos dixeron "si quero". Os asistentes tiveron que conformarse con darlle os parabéns lanzándolles arroz ou pétalos de flores. Tamén as miradas e os aplausos substituíron ás apertas, por iso son agora nas vodas da Covid-19, máis intensos ca nunca.

Levantar os panos de mesa para facelos xirar durante o banquete tamén se mantén en moitas das vodas máis recentes, ao igual que o reparto de agasallos aos invitados, aínda que se entregan e reciben coa máscara posta e con xel hidroalcólico a man para empregalo tras o intercambio.

As denominadas "barras libres" durante o baile tamén deixaron de ser como no pasado. "Agora as persoas piden a consumición e vana tomar á mesa e tamén se sitúa en posición oposta á pista de baile, ao contrario que se facía antes" explica José Fernández, vicepresidente da Asociación de profesionales de Galicia de bodas y eventos (Aprogabe") e xerente do restaurante Manolo, no Porriño.

En Salvaterra de Miño casou o pasado 27 de setembro César e Magalí. Despois de 16 anos xuntos contraeron matrimonio o mesmo día que bautizaron á súa filla. "Dixemos ou casamos agora ou xa non o facemos máis, p0rque levamos 16 anos xuntos, así que ou o faciamos co bautizo da nena ou xa despois non o faríamos" explica César. Casounos a alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, no salón de plenos. "Celebrámolo nun restaurante pero nun comedor só para nós, eramos 17 persoas, foi unha voda minimalista" explica César, quen asegura que a voda non supuxo ningún risco para a saúde. "Iso tiñámolo claro, pensando especialmente na nosa filla de tres meses, por iso na voda e na comida só estiveron persoas que xa estiveran anteriormente con nós, no xardín da nosa casa, así que xa eran contactos habituais cos que comemos calquera outro día" relata César.

Ao estilo Ibiza

En Gondomar, Mónica Araceli e Diego Barros decidíronse a celebrar unha voda ibicenca o pasado 12 de setembro. "A voda estaba prevista para o 16 de maio e aprazámola para o 12 de setembro" explica Mónica.

As previsións, agora sabemos que certeiras, de que a situación sanitaria por mor da Covid-19 ía empeorar neste outono levaron a esta parella a non pospor máis a súa voda. "Pensamos que a cousa ía pórse peor e que nos confinarían de novo, así que como o meu sogro ten 87 anos, non quixemos agardar máis" explica Mónica, moi satisfeita co desenvolvemento do enlace.

A cerimonia e o banquete celebrouse nun restaurante en Gondomar. Foi o propio alcalde, Francisco Ferreira, quen dirixiu o casamento. Á voda asistiron 30 persoas. "Estaba previsto que foran moitos máis pero pola situación non puideron vir" explica Mónica, en alusión aos familiares que teñen en Uruguai, Mallorca ou A Coruña.

Mentres que nas primeiras vodas da "nova normalidade" levar a máscara posta en eventos públicos con fotógrafo causaba certo rexeitamento, nas máis recentes este elemento de protección anticovid xa é un complemento habitual e por iso non supón un problema. De feito moitos dos invitados, especialmente as mulleres, optan en moitas ocasións por escoller unha máscara que lle combina coa vestimenta.

Na voda de Diego e Mónica, en Gondomar, os invitados acudiron vestidos de branco, sendo tamén a maioría das máscaras desa mesma cor. As mesas no restaurante estiveron colocadas a distancia e non faltou o baile, dirixido por un trío musical que, ademais de animar a festa coa música, se encargaba de lembrarlle aos invitados a necesidade de por a máscara cada vez que se levantasen das súas cadeiras ou entre prato e prato.

"Fixo moita calor e coa máscara levábase peor pero os invitados bailaron igual, fixemos fotos igual e estamos finalmente casados" explica Mónica.

En Nigrán tamén casou o pasado 3 de outubro Moncho. Foi unha cerimonia civil que dirixiu o alcalde de Nigrán, Juan González. Precisamente, pola situación de pandemia actual non puideron asistir familiares de Madrid que seguiron o casamento en directo a través do teléfono móbil.

Reto para a hostalería

Multitude de cambios tiveron que facer os restaurantes especializados en grandes eventos como son as vodas. E esas modificacións non son definitivas, senón que poden ir variándose no tempo segundo o requira a situación epidemiolóxica.

Mariqui González é a xerente do Pazo de Cea, en Nigrán, que se adaptou, por suposto, á nova normativa pero tamén aos desexos dos noivos para que, dentro das irremediables restricións, tiveran a voda máis semellante á dos seus soños. "Mentres que antes se creaban espazos pensados para que os asistentes á voda estiveran xuntos, agora búscase todo o contrario, espazos abertos e, a ser posible, ao aire libre" explica Mariqui, quen despois de ter presenciado infinidade de vodas, asegura que os casamentos que se levan celebrado nas últimas semanas e meses "son aínda máis bonitas" ao estaren cargadas de emotividade polo contexto no que se celebran. As parellas que casan en plena pandemia a pesar das restricións fano porque realmente están convencidos de querer facelo e ter que facelo con máscara, con limitacións para expresar a súa felicidade e con menos invitados dos que lles gustaría non son motivos dabondo para suspendela.

"Algunhas das vodas celebráronse igualmente este verán na data que estaba prevista pero a gran maioría pospuxéronse para o ano que vén, coa esperanza de que todo mellore" explica José Fernández, de Aprogabe.

O sector dedicado ás vodas e celebracións ten as súas expectativas no 2021 tendo en conta que os vindeiros meses xa son de "tempada baixa" para os casamentos. "Non se anularon practicamente vodas, salvo algunha excepción por casos particulares, a gran maioría aprazáronse e agardamos que se celebren o ano que vén " explica Fernández.