A Biblioteca Pública Municipal de Tui cumpre 50 anos de actividade en Tui e con tal motivo organizouse un programa conmemorativo que se desenvolve ata o 24 de outubro, cando precisamente se celebra o Día da Biblioteca

O programa de actividades previsto está estruturado en tres liñas. A primeira delas son actividades para rapaces e adolescentes dentro do programa Ler Conta Moito da Consellería de Cultura, no que se inclúe o obradoiro de Contacontos "Dada o duende" e o contacontos ilustrados "Dulcinea a nena cabaleira" con Anxo Fariña, ámbolos dous xa celebrados; contos para pasalo de medo con Carmen Domech (06/10) e contos para bebés con Pavís Pavós (13/10). A segunda liña son actividades para público en xeral nas que se incluíu a presentación dos libros "Historia militar de Tui a través de los siglos" e "Muíños do concello de Tui" de Ernesto Iglesias Almeida; a presentación do libro "Memorias dun pobo, Santiago de Malvas" de Raimundo Martínez e a exposición "Camiño do Humor" de Dávila que se pode visitar na Sala de Exposicións Municipal.

A terceira liña xira arredor do Día da Biblioteca. Así, esa semana haberá un encontro con escritores tudense e valencianos (martes 20) e outro con Paula Carballeira, escritora e animadora á lectura (mércores 21), Raquel Queizás achegará o contacontos "Travesías" (xoves 22) e unha xornada entre bibliotecas municipais de Galicia e do Norte de Portugal (venres 24), nese mesmo día terá lugar unha ruta literaria por Tui. A actividade pecharase coa entrega dos recoñecementos ao lectores da biblioteca tudense (sábado 24).

Todas as actividade teñen aforo limitado e precisan inscrición previa na propia biblioteca ou no correo biblioteca@tui.gal.