A pesar de que coa nova normalidade e o fin do estado de alarma en Galicia permitiuse o acceso aos parques infantís e biosaudables, foron varios os concellos que optaron por aprazar a apertura destas zonas ao non poder, segundo os diferentes gobernos municipais, asumir as medidas de seguridade e prevención establecidas non podendo así garantir nestes espazos ao aire libre todos os protocolos sanitarios. Concello como os de Tomiño, Mos, Salvaterra, Arbo, O Rosal, Baiona, Tui e Redondela tomaron esa decisión.

Con todo, co paso dos días, algúns deles van anunciando a apertura destes parques. Como é o caso de Tui, que os abriu o 1 de xullo, e da vila dos viadutos, que iniciou o pasado sábado "o proceso de reapertura gradual dos parques infantís do municipio a medida que van sendo dotados das medidas de seguridade que esixe a nova normalidade dada pola crise do Covid-19", sinalaron fontes municipais.

Deste xeito, nunha primeira fase, abríronse os parques da Alameda e do Salgueiral, en Redondela, Arealonga e Alameda, en Chapela, os da praia de Cesantes e o do Centro Cultural de Reboreda.

Dende o concello sinalan que "os principais parques e, polo tanto, aos que acoden un maior número de nenos, contan con fontes de hidroxel e todas as áreas terán carteis indicadores das recomendacións para un uso seguro do parque. Todas estas áreas de xogo serán desinfectadas en profundidade, diariamente, antes da apertura das mesmas". Non esquecendo que o municipio conta cun total de 54 parques, entre biosaudables e infantís, indícase que "en vindeiras datas, e sempre dependendo da evolución da pandemia e das directrices das autoridades sanitarias, procederase a apertura de novas áreas de recreo".

Deste xeito, Redondela únese así a outros concellos como Soutomaior, A Guarda, Nigrán, Gondomar, Salceda de Caselas ou Porriño que si optaron por abrir os seus parques infantís dende o primeiro día no que a normativa o permitiu, pero sempre facendo un chamamento de responsabilidade cidadá para seguir avanzando nesta nova normalidade, apelando á concienciación social e ao respecto e cumprimento de todas as medidas de hixiene e seguridade establecidas polas autoridades competentes na materia.