Baixo o lema "Refúxiate na cultura" o Concello de Baiona presenta a programación do Baiverán 2020 para os meses de xullo, agosto e setembro e da cal quedan fóra, por mor dos efectos causados pola crise sanitaria, a afamada e moi concurrida Festa da Anunciada, co obxectivo de evitar aglomeracións e alixeirar a presenza de público. Co mesmo fin, exceptuando un par de eventos que son de fin de semana, os restantes terán lugar de luns a venres.

Así, dende o pasado mércores día 1 de xullo e ata o domingo 20 de setembro hai programados un total de 42 eventos. Na súa maioría concertos musicais, monólogos e sesións de cine na rúa.

O Baiverán 2020 ten o propósito de cubrir o espazo de lecer de habitantes e turistas logo de tantos meses de incertidume e confinamento. Así o explicaban o alcalde, Carlos Gómez, e a concelleira de Cultura, Miriam Costas, durante o acto de presentación desta programación que estará adaptada á nova normalidade para garantir a seguridade dos visitantes e dos propios veciños. O Concello de Baiona, Municipio de Excelencia Turística, deseñou "un programa de actividades para todos os públicos cumprindo estritamente coas recomendacións marcadas polas autoridades sanitarias".

O rexedor local sinalou que a programación "reduciuse considerablemente en comparación con outros anos pero sen perder a calidade". Pola súa banda, a edil de Cultura, explicou que dende o departamento que dirixe foron conscientes en todo momento da "gran responsabilidade que tiñamos en apoiar ao sector cultural local e do entorno máis próximo a Baiona, sen perder en ningún momento a consciencia do risco que supón a organización de eventos, neste verán postcovid, nun municipio turístico como o noso, un dos máis importantes das Rías Baixas Galegas e destino turístico de miles de visitantes".

Tamén agradeceu publicamente "o exercicio de responsabilidade que as agrupacións musicais e culturais da vila están a realizar optando por facer un descanso nas súas actuacións", informando de que retomarán a súa actividade en outubro.

Festa da Anunciada

O primeiro fin de semana de agosto deste 2020 será diferente ao de anos anteriores en Baiona. A localidade costeira celebra nesas datas a Festa da Anunciada, a patroa da vila. A concelleira de Cultura asegura que unha das decisións "máis dolorosas" que tivo que tomar o seu departamento foi o de non celebrar estas festas.

Con todo, coincidindo con eses días, o Baiverán inclúe eventos non so de luns a venres senón tamén na fin de semana. Así, dende o martes 28 de xullo e ata o domingo 2 de agosto, o parque da Palma será escenario de diferentes espectáculos: proxección da película "X-Men: Fénix Oscura", concertos de Habitación Vudú, Motores, Mitic e dos anos 80's e Asocirco Show. Todos eles serán, ás 23.00 horas, agás o último, que dará comezo ás 20.30 horas.

Espectáculo seguro

A empresa organizadora de eventos Elemental Street será a encargada de garantir que todas as actuacións cumpran cos protocolos e as recomendacións que estipulan as autoridades sanitarias.

Todos os espectáculos estarán supervisados por un técnico de prevención que certificará que este sexa seguro tanto para os profesionais que actúan como para o público en xeral.