A representación teatral da cheda da carabela Pinta a Baiona coa nova do gran descubrimento é unha cita indispensable para coñecer a razón de ser da Festa da Arribada. A obra, titulada "Arribada do Descubrimento", escrita polo profesor e historiador Avelino Sierra e dirixida por Mónica Sueiro, representarase por decimo cuarto ano consecutivo en rigoroso directo na Praia Ribeira, o mesmo escenario que fai 527 anos.

Tal e como sucedeu o 1 de marzo de 1493, a carabela La Pinta volverá a abordar en augas de Baiona capitaneada por Martín alonso Pinzón, convertendo a vila no primeiro porto de Europa que recibía a nova do descubrimento de América. O seu rexedor, Payo Veloso, chamaba á garda alarmado pola visión da nave desabolada, pero calmou os seus temores ó ver o estandarte real portado por García Sarmiento, mariñeiro de Baiona quen, tras fundirse nunha aperta coa súa esposa e fillas, informaba que a embarcación non era outra que a carabela La Pinta.

Na recreación do feito histórico actuarán una trintena de persoas, tanto actores profesionais coma alumnos da Aula de Teatro. "A historia é a que é, polo que é un reto innovar, aínda así, en cada edición introducimos pequenas novidades para mellorar o espectáculo", explica a súa directora sobre a obra que sairá a escena en dúas ocasións durante a próxima fin de semana: o sábado 29 de febreiro ás 20 horas e o domingo 1 de marzo ás 18 horas.