O veto ós animais do zoo non repercutirá nas exhibicións de cetrería, un espectáculo organizado por Aguias de Valporquero que adoita acaparar a atención do público que ano tras ano enche a vila de Baiona na Festa da Arribada. Ademais, unha ducia de aves cetreiras, como Aguia Harris, Falcón Peregrino ou Bufo Africano, estarán expostas no Parque da Palma. Tampouco faltarán as xustas medievais, cos especialistas de Hípica Celta, nin os combates e duelos de esgrima medieval que protagonizarán as espadas dos membros da Sala Viguesa de Esgrima Antiga. Elementos como o fogo aportarán espectacularidade a estes eventos, imprescindibles na Arribada.