A Eurocidade Tui-Valença conmemorou este mes o seu oitavo aniversario cun pleno transfronteirizo que fixo historia. Por primeira vez, as corporacións de dous países limítrofes celebraron una sesión plenaria conxunta para reforzar unha unión da que os maiores embaixadores son os 35.000 veciños que conviven nun territorio de 185,4 quilómetros cadrados. "Un acto pequeno e humilde", tal e como definiu o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, no que as referencias ó río Miño, como elemento de unión, e a situación da Unión Europea, coa recente saída do Reino Unido, estiveron moi presentes.

"Nós remamos xusto na dirección contraria", referiuse o rexedor valenciano, Manuel Rodrigues, sobre a Eurocidade e o "brexit", porque, "aínda que a lingua non sexa a mesma, hai un sentido común moi grande que nos une". E, precisamente, para continuar nesta liña e seguir podendo compartir servizos, como a piscina municipal de Valença, onde aprenden a nadar a maioría dos tudenses, celebrouse este pleno, conformado polos dezasete concelleiros da Corporación Municipal de Tui e os trinta e nove membros da Assambleia Municipal de Valença. A primeira sesión conxunta, pero non a última, pois a partir de agora terá periodicidade anual.

Con total unanimidade, os representantes políticos de Tui e Valença votaron a favor dos tres puntos da orde do día. O primeiro foi un intercambio de bandeiras sen encaixe legal pero cheo de simbolismo. Así, ambas localidades aprobaron lucir a insignia da localidade irmá nos diferentes actos oficiais. "Cando antigamente os bombeiros de Valença cruzaban a fronteira para apagar fogos en España, tampouco había un marco xurídico, e aínda así ían. Que o marco xurídico non sexa un impedimento", reflexionou o alcalde tudense apuntando que "a bandeira é algo simbólico, o importante é poder compartir servizos, esa é a reflexión que temos que facer hoxe".

A necesidade dun "marco normativo común" foi citado polo rexedor de Tui como "o principal desafío da Eurocidade", mentres que o valenciano referiuse a "saber recibir e saber dar", facendo alusión ó Camiño Portugués a Santiago, que "día a día multiplícase" e é un gran escaparate ó mundo de Tui e Valença. "Temos que ter en conta que os peregrinos, se son ben acollidos, van volver coas súas familias e van mover a economía da Eurocidade", reflexionou Manuel Rodrigues, sobre a ruta xacobea que o ano pasado trouxo a máis de 72.000 persoas á Eurocidade Tui-Valença.

A Corporación tudense e a Assambleia valenciana tamén abordaron a súa inclusión no programa Unicidade, financiado con fondos europeos, do que son beneficiarios ambos municipios e que ten entre os seus obxectivos a creación dunha web na que se recolla información conxunta e de interese para os habitantes dos dous territorios. Dar continuidade a axenda estratéxica de ámbito cultural e deportivo da Eurocidade e elaborar un estudo do futuro da Eurocidade de cara ó decenio 2030 foron outros dos asuntos a tratar neste pleno histórico que borrou un pouco máis "a raia" entre Tui e Valença.