O “nipogalego” Takekazu Asaka convértese en membro de honra da Real Academia Galega

No seu discurso anunciou que traducirá á súa lingua materna o derradeiro poemario de Ramón Cabanillas | Promove a celebración do Día das Letras Galegas en Xapón

Takekazu Asaka recibiu unha gran ovación á súa entrada no Auditorio de A Xuventude.

Takekazu Asaka recibiu unha gran ovación á súa entrada no Auditorio de A Xuventude. / Noé Parga

A. G.

O lingüista e profesor xaponés Takekazu Asaka, embaixador da lingua e da cultura galegas en Xapón, que se autodenomina como “nipogalego”, é desde onte novo académico de honra da Real Academia Galega (RAG) e foi recibido como tal no acto que se celebrou no Auditorio da Xuventude de Cambados. “Para min, un nipogalego, desde fai anos a lingua propia de Galicia é a miña segunda lingua”, destacou durante o discurso d eingreso ante un auditorio cheo . Para Asaka, ser membro de honra desta institución “é o máximo que podería agardar dunha terra e dunha xente que tan ben me acolleu desde a primeira vez que cheguei aquí”. O mestre xaponés fixo un percorrido de como chegou a descubrir a lingua galega desde tan lonxe, e incluso, anunciou que, despois de ter traducido obras como Follas Novas de Rosalía ao idioma do país nipón, tiña previsto levar a cabo o mesmo con “Samos”, o derradeiro poemario do cambadés Ramón Cabanillas.

Asaka impartiu aulas de lingua e literatura galega no seu país, traduciu tamén ao seu idioma materno obras de Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas, Uxío Novoneyra ou os bardos medievais, ao que se suma que promove a celebración do Día das Letras galegas en Tokyo. Ademáis, difunde o galego a través da música, editou manuais pioneiros para a aprendizaxe do galego desde o xaponés e estudou desde o seu idioma fenómenos lingüísticos como a gheada, o pronome de salidariedade e o infinitivo conxugado, entre outras aportacións. O propio Takekazu foi recitando, en galego e xaponés, versos de Rosalía de Castro, Uxío Novenoeyra e Cabanillas, nunha intervención na que lembrou o seu descubrimento do galego, a finais da década dos 70 e como foi medrando a súa relación co idioma no plano intelectual e emocional.

Un momento da intervención de Takekazu Asaka onte no Auditorio da Xuventude.

Un momento da intervención de Takekazu Asaka onte no Auditorio da Xuventude. / Noé Parga

Foi en Madrid, en 1977, onde estaba realizando unha estancia para estudar castelán, onde mercou o seu primeiro exemplar do semanario “A Nosa Terra” nun quiosco da praza de Cibeles do que “me sorprendeu moito que non estivese escrito na misma lingua que poutros xornais españois”. De volta á casa, colaborou en ocasións con esta cabeceira desde a sección de cartas dos lectores. Nos anuncios destas páxinas descubriu a editorial Galaxia e axiña encargou o Dicionario de Xosé Luís Franco Grande e a Gramática elemental del gallego común de Carballo Calero. Dous meses despois, recibía por vía marítima os libros, acompañados dunha agarimosa carta de Xaime Isla Couto, un dos fundadores do selo creado desde a resistencia galeguista no interior.

A primeira visita a Galicia demoraríase ata setembro de 1989, cando sendo xa profesor titular da Universidade de Tsudajuku asistiu en Santiago de Compostela ó XIX Congreso Internacional de Lingüística e Filoloxía Románica. Nesta cita, co académico Ramón Lorenzo á fronte da organización, coñecería moitos estudosos do galego, locais e doutros países, que andado o tempo se converterían en colaboradores e amigos. Entre eles, Francisco Fernández Rei, quen recordou tamén na sesión de hoxe o seu primeiro encontro co “amigo Take”, “Takiño”, naquelas xornadas.

O Auditorio da Xuventude encheuse para asistir ao acto en honor de Asaka.

O Auditorio da Xuventude encheuse para asistir ao acto en honor de Asaka. / Noé Parga

Francisco Fernández Rei afondou na súa resposta no percorrido vital e académico de Takekazu Asaka, deténdose, entre outros aspectos, na súa querenza polo cruzamento entre a lingua, literatura e as paisaxes, por unha banda, e a música tradicional, por outra.

“Nas nosas paisaxes naturais encontrou semellanzas coas da illa de Hokkaido, no norte dese país insular, pois ambas comparten rías na costa e montes, ríos, balnearios e verde no interior. Trátase dunha zona que Asaka coñece ben por ser o escenario onde practicou alpinismo na mocidade. Cabe preguntarse ata que punto a súa identificación coa natureza tamén puido contribuír a espertar o seu interese pola nosa lingua”, reflexionou o académico numerario.

Tras lle facer entrega da medalla e do diploma de académico de honra, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, agradeceulle a Takekazu Asaka a amizade “intensa e xenerosa” que mantén con Galicia e a súa lingua e cultura. “É unha honra e un orgullo grande poder presumir do seu traballo e da súa presenza naquelas extremas do mundo, onde a nosa cultura interesa e, da súa man, fai sementeira”, expresou.

Membros da Real Academia Galega no inicio do acto de onte en Cambados

Membros da Real Academia Galega no inicio do acto de onte en Cambados / Noé Parga

Suscríbete para seguir leyendo