Dorna trasládase ao Regueiro polo mal estado do Cantiño

As actividades do Día das Letras Galegas e do inicio da tempada de navegación tradicional celebraranse o venres na Illa

Botadura dunha dorna o pasado ano no peirao do Xufre.

Botadura dunha dorna o pasado ano no peirao do Xufre. / Noé Parga

A. G.

Sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, o vindeiro venres A Illa acollerá un novo inicio da tempada de navegación tradicional, un evento que sempre adoita a coincidir coa celebración do Día das Letras Galegas. Sen embargo, despois de moitos anos, a maior parte da actividade non se vai celebrar no paseo do Cantiño, se non que se trasladará á zona da praza do Regueiro. Os motivos deste cambio de ubicación son o abandono no que se atopa o Paseo do Cantiño por parte de Portos, con afundimentos parciais na súa estrutura, e o cobro de taxas portuarias pese a tratarse dunha actividade cultural e a que esa zona non ten actividade portuaria.

Desde a entidade non consideran xusto que teñan que abonar unha taxa duns 50 euros só por comunicar a Portos de Galicia que se van desenvolver unha serie de actos neses terreos portuarios. Esa cifra incrementaríase de forma abultada unha vez se concedese o permiso. “Non nos parece xusto que teñamos que pagar unhas taxas tan altas por promover iniciativas onde non existen actividades portuarias que poidan chocar coas nosas”, explican.

Héctor Suárez, director da Escola de Navegación Tradicional, integrada dentro da asociación Dorna, explicaba onte que as actividades darán comezo a partires das 12.00 horas, cun pasarrúas do grupo de música e baile de Dorna que partirá desde a Escola de Pau ata O Regueiro. Alí farase unha pequena actuación e darase lectura ao pregón. O nome da persoa encargada desa lectura está aínda por definir pero será algún profesor ou alumno dos centros educativos da Illa, que estiveron traballando este ano cuestións como o léxico que rodea á navegación tradicional ou descubrindo e reparando unha embarcación cedida pola asociación. Será “unha forma de pór en valor todo o que fixeron este ano”.

A iso sumaranse dúas exposicións, unha na que haberá varias dornas en diferentes procesos de recuperación e outra na que se amosarán os máis de 200 traballos realizados por los alumnos dos centros escolares da Illa en relación coa navegación tradicional.

Un dos momentos máis emotivos será o “bautizo de mar” que van a recibir dúas dornas, a “Dominga” e a “Uxía”. Ambas foron doadas por un particular e pola Fundación Terrum a Dorna para a súa reparación e a súa posterior posta en valor. A primeira delas foi recuperada no Centro de usos Náuticos do Bao, pero a segunda contou coa inestimable colabotración do alumnado do colexio Torre-Illa, que a pintou dentro das actividades de coñecemento da navegación tradicional que están a desenvolver este curso. As dúas bicarán posteriormente o mar na zona do Cantiño, a onde se trasladará toda a actividade.

En caso de que a choiva faga acto de aparición, as actividades trasladaranse ao interior da praza de abastos e aprazarase a celebración do “bautizo de mar”.

Suscríbete para seguir leyendo