“Rosalía” volve bicar o salitre da ría

A asociación Rompetimóns constrúe unha dorna xeiteira que levará o nome da escritora de Padrón polos seus vencellos co pobo do Carril

A dorna xeiteira "Rosalía" no asteleiro de Rianxo.

A dorna xeiteira "Rosalía" no asteleiro de Rianxo. / FDV

A. G.

O Carril foi un dos lugares vencellados a Rosalía de Castro, algo que nunca esquecen os seus habitantes. Foi nese contexto que, cando os integrantes da Asociación Rompetimóns se lles prantexou a posibilidade de construir unha dorna xeiteira, non tiveron dúbidas de cal ía ser o seu nome, o da escritora que liderou o Rexurdimento da lingua galega. A dorna “Rosalía” está moi preto de saír dos asteleiros Loxo de Rianxo e, aínda non está prantexado, podería bicar o mar de Arousa o vindeiro 17 de maio, unha data que permitiría pechar a homenaxe que se lle tributa a Rosalía de Castro. Os propios Rompetimóns teñen colaborado en varias ocasións en actos de homenaxe á escritora de Padrón.

Construída con madeira de pino e carballo, a súa elaboración nos asteleiros foi seguindo a tradición neste tipo de embarcacións. Ten seis metros de eslora e vai a pasar a formar parte da flota coa que conta a asociación, integrada na súa meirande parte por botes de Carril, dornas polbeiras e o galeón “Illa de Cortegada”. Miguel Gago, presidente da asociación Rompetimóns, recoñece que a embarcación está practicamente rematada, a falta de pequenas cousas, “e verémola navegando a partires da primavera”. A “Rosalía” vai ser unha das poucas dornas xeiteiras que haberá na ría de Arousa, xa que a maioría das que se poden ver navegando son polbeiras. Tan só existen dúas semellantes en Portonovo e Ribeira.

A xeiteira é unha dorna de gran tamaño, duns seis metros de eslora, que pode ter unha tripulación de máis de tres persoas e saír a navegar máis alá da bocana da ría. O seu nome vén da arte do xeito que se dedicaba á captura da sardiña, aínda que na ría de Arousa tamén se chegaron a utilizar como embarcacións de transporte de mercadorías. Para a súa construción, a asociación aproveitou as axudas que se outorgan na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, contando para iso con fondos Next Generation. O seu coste foi duns 15.000 euros.

Unha vez entregada á asociación, a dorna xeiteira amarrará tamén en Cortegada, complementando tamén o valor natural que posúe a illa de Cortegada co valor etnográfico e cultural que ofrecen as embarcacións tradicionais alía amarradas. “Temos un lugar alí para amarrar porque no porto de Carril non temos espazo, por iso escollemos un lugar ben abrigado”, explica Gago. Ademáis da construción da dorna xeiteira, Rompetimóns conta cun bote de Carril que ser atopa sendo reparado na escola de carpintería de ribeira A Aixola, en Marín. O bote leva anos alí porque está sendo reparado aos poucos polos alumnos do centro, para que poidan irse formando na recuperación dun barco tradicional.

Saída do Galeón "Illa de Cortegada" nunha das súas navegacións turísticas-

Saída do Galeón "Illa de Cortegada" nunha das súas navegacións turísticas- / Iñaki Abella

Galeón Illa de Cortegada

O emblema da asociación vilagarciá é o imponente galeón Illa de Cortegada, unha embarcación que leva máis dunha década nas súas mans e que se atopa no peirao de Vilagarcía. Ao ser un barco de madeira, sempre necesita algunha pequena reparación durante o inverno, aínda que a deste ano non será tan importante como a que recibiu no ano anterior, cando se precisou dunha axuda da Deputación de Pontevedra para cambiar as cadernas que se atopaban en peor estado.

A asociación leva anos asinando un convenio co Concello de Vilagarcía para ofrecer paseos pola ría de Arousa, descubríndolle a propios e foráneos o modo tradicional de navegar. Pola cuberta do Illa de Cortegada teñen pasado moitos veciños de vilagarcía, pero tamén doutro puntos de Galicia, e incluso, estranxeiros que puideron sentir na súa pel a salitre que desprende a auga da ría de Arousa. As viaxes teñen moita aceptación, sendo moito maior a demanda que a oferta de prazas que ten. Probablemente, no futuro a “Rosalía” tamén complemente este tipo de actividades.

A "Irmandiña" amarrada no peirao do Grove.

A "Irmandiña" amarrada no peirao do Grove. / Miguel Muñiz

Dúas décadas do proxecto que naceu coa “Irmandiña”

Nestas datas tamén se celebrou a efeméride dun dos proxectos máis curiosos que naceu no seo da asociación A Dorna Meca, o proxecto “Irmandiña” a dorna máis grande do mundo. A “Irmandiña” é unha das dúas dornas mecas, unha variante das dornas xeiteiras, que aínda se conserva. Foi construida nos Asteleiros Garrido do Grove seguindo os planos e fotografías antigas e con 9,5 metros de eslora. A intención era demostrar o potencial destas embarcacións e, para iso, preparouse unha travesía para surcar o Atlántico navegando a vela. Corría o ano 2002 e a intención era conmemorar as travesías transoceánicas en tempos nos que non se contaba cos medios actuais, así como establecer un vencello importante coas comunidad atlánticas que se visitasen nesa singladura. A idea era que a dorna partise de Pontevedra a principios de 2004 con proa cara as Illas Canarias. Posteriormente navegaríase ata Cabo Verde, desde onde se iniciaría a travesía final ata Puerto Rico, a onde se chegaría aproximadamente en decembro de 2004. En cada unha das escalas, a dorna participaría en actividades culturais, amosando o xeito tradicional da navegación. Sen embargo, aquel obxectivo nunca se chegou a cumprir, xa que os problemas que xurdiron coa financiación impediron que puidese levarse a cabo. Ese proxecto esmoreceu, pero non a “Irmandiña” que segue navegando as augas da ría de Arousa.

Regata e dornas na ría de Arousa.

Regata e dornas na ría de Arousa. / INAKI ABELLA DIEGUEZ

Na búsqueda dunha sede para os Encontros de 2025

Cada dous anos, un porto galego acolle os Encontros de Embarcacións Tradicionais, unha festa que serve para achegar a propios e estranos o que significa a conservación do legado marítimo. Este evento está organizado por Culturmar, o colectivo que reúne a todas as entidades que se adican á preservación da cultura mariñeira. Culturmar atópase agora no proceso de presentación de candidaturas, un proceso que rematará o vindeiro 26 de febreiro. Uns quince días despois, a directiva de Culturmar reunirase na súa sede de Cambados para escoller o mellor proxecto dos que aspire a acoller este evento. Será nese momento cando se coñeza o lugar que acollerá a XVII edición dos Encontros de Embarcacións Tradicionais, sustituíndo á localidade de Sada, a último punto onde se celebrou este evento. A ría de Arousa ten sido un dos lugares onde máis se teñen celebrado estes Encontros. Portos como A Illa, O Carril, O Grove ou Cambados gozaron de redescubrir as tradicións mariñeiras e, sobre todo, as diferentes tipoloxías de embarcacións. As galegas non son as únicas que participan, xa que os Encontros teñen un importante tradsfondo internacional, acudindo a él embarcacións d epuntos tan distantes como Irlanda, o País Basco, Francia ou Cataluña entre outras.

Suscríbete para seguir leyendo