Tras anos de inoperancia, o alcalde Carlos Iglesias dase por vencido. O segundo mandato do noso edil e as súas actuacións poderían ser resumidas nun texto moito máis reducido que este, ao tempo que as pendentes non collerían no groso deste xornal. Cando paseamos pola Illa, a frase máis repetida pola nosa veciñanza non é outra que “estamos peor que antes”.

A rapazada xoga con porterías feitas de escombro, e os parques (por chamalos dalgún xeito) caen a cachos o máis puro estilo do Bronx Neoiorkino dos 80 na única praza do noso municipio. Mentres, os cartos destinados a reparación destes, da pasarela do Naval ou das rúas recauchutadas pasan a remantente de tesourería.

O único do que pode presumir o grupo municipal: non gastar case un peso. O de “case”, xustifícase en como ao mesmo tempo que o alcalde cobra unha liberación coma Concelleiro de Economía e Facenda , a día 13 de decembro o Tribunal de Contas de Galicia voltanos ameazar con deixarnos sen certas subvencións por non presentar nada a tempo. A forma de remedialo? Non é outra que convocar plenos extraordinarios “comaarea” a última hora, cos gastos que isto supón para a corporación.

A xestión do “pasóusenos por alto”, “estamos mirando” ou do “iso non é competencia nosa” reflicte un goberno que actúa por remendos, sen iniciativa nin un plan para a Illa, o que o leva a dicir que si a todo canto entra pola porta (coma a nave do Aguiuncho) sen pensalo dúas veces. A falta de rumbo move a Arousa a bandazos, co perigo de escorar. E digo eu, é isto o que necesitamos?

*David Mochales é o candidato do BNG á Alcaldía da Illa.