Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Illa, unha terra de galeóns

Cinco destes barcos de gran porte teñen a súa base no pequeno municipio, aínda que carecen dun espazo axeitado de amarre

“O Rei do Mar” amarrado a un morto nas inmediacións do peirao do Xufre. Noé Parga

Durante varios séculos, os galeóns foron os cargueiros da ría de Arousa, os barcos que transportaban mercadorías e persoas dun lado a outro da ría, desde Rianxo a Ribeira ou Pontecesures a O Grove. Aquela época de esplendor para esta embarcación tan robusta e prácticamente sen quilla xa queda pouco. Hoxe quedan un puñado na ría de Arousa, un pequeno feixe deles que se salvaron da motoserra polo esforzo e o interese amosado por varios grupos de persoas que non estaban dispostas a deixar morrer parte do patrimonio mariñeiro. Un exemplo diso é A Illa, onde existen un total de cinco destas embarcacións, dúas navegando desde hai anos, como son “O Rei do Mar” e o “Komaira” e outras pendentes de facelo ou en reparación, como son o “Adelino e Manuel” ou “Presioso”, o “San Pedro” e o “Caramuxo”.

Etnógrafos como Staffan Mörling ou Dionisio Pereira teñen ofrecido datos abondo deste tipo de embarcación, desde a súa feitura, cuns 13 mtros de lonxitude, catro de manga, 1,50 de puntal e unhas quince toneladas por termo medio, ata a velocidade que podían acadar, estimada nuns seis nós. Estas medidas, loxicamente, variaban segundo o tipo de travesía que tivese que facer a embarcación.

A aparición dos galeóns na ría de Arousa non semella moi clara, pero sospeitase que foi unha evolución das embarcacións de pesca desde o século XV e que se iría adecuando ás necesidades de cada traballo ata o século XX, cando existen unha gran cantidade de embarcacións traballando no transporte de mercadorías pola ría.

Os cemiterios das praias

Sen embargo, nos anos 60,conta Dionisio Pereira nun dos seus estudos, as praias que os coñeceron varando para descargar ou cargar, convertéronse nos seus cemiterios. Aínda hoxe se poden atopar esqueletes de galeóns en moitos areais de toda a ría de Arousa, ou algún como o Novo Sofía, que foi recuperado, apodrecendo no interior do Esteiro de Vilanova. Un bo feixe deles atoparon salvación nesas datas grazas ao desenvolvemento do cultivo do mexillón nas bateas despois de someterse a algunhas modificacións importantes. Iso foi o que permitiu que chegase ata os nosos días.

Na Illa están recuperados ou en fase de recuperación cinco galeóns: "O Rei do Mar", "Komaira", "Adelino e Manuel" ou "Presioso", "San Pedro" e Caramuxo.

decoration

Salvador Allo, exdirector da Escola de Navegación Tradicional da Illa, recoñece que “iso puido ser o que salvou a moitos e o que nos permite desfrutar deles”. De feito, os cinco galeóns que existen na Illa serviron antes como auxiliares de batea, sendo salvados da motoserra cando os seus propietarios decidiron adquirir unha nova embarcación. Allo explica que “a principal característica que teñen estos barcos é o seu fondo máis plano que calquera outra embarcación; iso permitíalles chegar ata as praias para descargar as mercancías ou cargar barro. En Catoira, de feito, varaban coa marea baixa, cargaban o barro, e aproveitaban a pleamar para saír a navegar”. O principal problema que tiñan, ao ter un fondo tan plano, era que “derivaban moito ao non ter quilla”.

Como auxiliares de batea sobreviviron moitos varias décadas, pero hoxe, están prácticamente desaparecidos despois da modernización á que foi sometida a flota. No caso concreto da Arousa, Allo só lembra en activo “un que sexa un galeón, é certo que, con ese mesmo tipo de feitura, hai moitos máis, porque os galeóns tiñan unha capacidade de carga moi grande, ese foi o motivo polo que os bateeiros, nunha época, eran practicamente calcados a eles”. A lástima para Allo é que “despois destes cinco galeóns recuperados non hai ningún proxecto máis en marcha, porque as administracións acaban desanimando á xente por todas as trabas que poñen, pese a explicarlles que estamos preservando gran parte da cultura marítima tradicional”.

Refuxio no Cabodeiro

Héctor Suárez colleu a testemuña a Allo na dirección da Escola de Navegación Tradicional e coincide co seu predecesor nas dificultades que ten unha flota como esta para protexerse dos invernos. “Para os barcos de maior porte non temos abrigo de ningún tipo en caso de temporal, o que nos provoca moitos problamas, pois algún xa ten acabado na praia ao romperse os cabos”. Sen posibilidade a curto prazo de desfrutar dunha Mariña Tradicional, a ENT está buscando unha solución que pasa por prantexar á Confraría da Illa e Portos de Galicia: utilizar o peirao do Cabodeiro como refuxio das embarcacións tradicionais de maior porte.

O peirao do Cabodeiro, desde que se concentrou toda a actividade no Xufre, permanece infrautilizado e pode ser un lugar de refuxio para os barcos tradicionais

decoration

Este peirao apenas ten uso comercial ou profesional e atópase infrautilizado desde que O Xufre centralizou toda a actividade de descarga e se instalaron os pantaláns para as flotas bateeira e marisqueira por iso “imos prantexar crear un espazo común para estes barcos, un espazo que faría a dobre función de lugar de refuxio, pero tamén de museo flotante”, explica Suárez. O Cabodeiro xa ven sendo usado de maneira esporádica para iso, sobre todo, cando se rexistran temporais do sur. Esta proposta tamén sería algo provisional, xa que a ENT non renuncia a, algún día, contar cun pantalán adecuado, unha infraestrutura que permitiría ás persoas que se adican a recuperar a tradición mariñeira “ter un mantemento moito máis adeucado destas embarcacións, poderíamos conservar o patrimonio de todos con máis facilidade, xa que non é o mesmo acudir a revisar o barco a un morto que a un pantalán”. Ao mesmo tempo, tamén exercería de polo turístico, amosando a riqueza da cultura mariñeira galega.

Compartir el artículo

stats