Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Dorna da Illa busca remuda xeracional que lle permita coller un novo impulso

Salva Allo entende que “teñen que vir outros a tirar deste carro tan importante para a Arousa”

Salvador Allo leva seis anos como presidente de Dorna. Iñaki Abella

Seis anos despois de facerse cargo da asociación cultural e deportiva Dorna da Illa, Salvador Allo deixará a súa presidencia no novo período electoral que se abríu na entidade. As elecións, que terán lugar o vindeiro 18 de decembro, atópanse no intre de presentar candidaturas para a presidencia da entidade. Allo anima á xente a que se implique porque “esta asociación é moi importante para A Illa, xa que foi fundamental no espertar cultural deste concello e na recuperación ou preservación de moitos dos valores que posuimos os arousáns, como é a navegación a vela”.

Con 60 anos ás súas costas, Allo considera que xa chegou o momento de dar remuda á seguinte xeración, “deben ser eles os que tomen o timón e naveguen”.

Durante estes seis anos, Allo tratou de potenciar as diferentes seccións coas que conta a entidade, desde baile tradicional a navegación a vela ou incluso as festas, cunha sección moi activa que se implicou na organización de eventos como o Entroido.

Todas as candidaturas que se presenten á elección terán que estar formadas, como mínimo, por un equipo formado por un presidente, secretario, tesoureiro e un mínimo de catro vocais, tal e como establecen os estatutos da asociación. Como día das eleccións escolleuse o vindeiro 18 de decembro, cando se abrirá o local para que os socios poidan votar entre as 10.00 e as 14.00 horas.

As bases da convocatoria poden ser consultadas na sede da asociación, situada na antiga Escola de Pau da Illa, onde a asociación leva traballando desde que se abríu o edificio consistorial. “Con 60 anos que teño, xa é hora de que os que veñen detrás, con máis gañas e con máis ideas, collan a remuda e lle dean o impulso que lle fai falta á entidade”, explica Allo. O arousán xa tamén deixou a súa responsabilidade na Escola de Navegación Tradicional, onde dou o relevo como director a Héctor Suárez Otero, patrón da dorna “Rosalía”, que estará acompañado dunha nova xeración de rapaces que se formaron na propia escola como patróns.

Na Escola, Salva estivo oito anos como director, antes de asumir tamén o cargo de presidente de Dorna cando Uxío Allo, seu irmán, decidíu dar o remuda nese posto”.

Compartir el artículo

stats