Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Marcos Nine nnficha personal | Director “A Virxe Roxa”

“O documental comeza a ocupar espazos aos que antes era imposible chegar”

Marcos Nine durante a grabación de “A Virxe Roxa”.

Naceu no ano 1977 na cidade alemá de Hannover, aínda que o seu corazón é arousá,unha terra da que presume alá por onde vai. A pasada semana estreou na prestixiosa Seminci de Valladolid o seu último traballo, “A Virxe Roxa”, sobre Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart, unha nena superdotada á que súa nai creou ata que a acabou matando. Guionista en series como Mareas vivas ou Serramoura, Nine é coñecido polos documentais que dirixiu onde amosa o seu gusto de traballar con materiais reais.

–A pesares de ser españolas, a historia de Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart, que se conta en “A Virxe Roxa”, non é moi coñecida. Como chega Marcos Nine a ela?

–Propúxomo a productora Amalia Mato e comecei a buscar información sobre elas. A película condensa uns 50 anos de historia e houbo que tirar moito de documentación para elaborala. É unha historia apaixonante, porque non só está a morte tráxica de Hildegart, se non que se adentra na Revolución Industrial, nos primeiros anos do socialismo en España, sobre todo o utópico, e permite achegarse á concepción dos bloques políticos actuais. O documental non é a historia de Hildegart, é a historia do mundo moderno.

–Aurora Rodríguez quixo modelar á súa filla para convertila nun referente da época.

–Quería unha filla perfecta cunha finalidade social, mellorar a raza humana e que a única forma de conseguilo era traballar individualmente, creando novos seres. Trata á súa filla Hildegart como se fose un prototipo de ser superior. Nesa lóxica atópase o mecanicismo que emana da Revolución Industrial. Quería que fose modelo para as mulleres e que mellorase a sociedade.

–Pódese dicir que Hildegart foi a primeira feminista?

–Non foi a primeira nin moito menos, pero si que foi dos primeiros referentes en España. Hildegart ten unha característica moi importante, é unha das primeiras persoas en teorizar sobre o sexo e os comportamentos sexuais en España. Iso é unha revolución en si mesma na España do momento. Naquela época, a muller estaba subordinada ao varón, así que o feito de teorizar e darlles unha educación sexual ás mulleres era toda unha revolución, implicaba que podían emanciparse ou cuestionar como era a súa sexualidade, empezando pola cantidade de fillos que tiñan, o uso de anticonceptivos ou alonxarse da función reproductiva que tiñan naquela sociedade. Hildegart era só unha nena, pero foi a primeira persoa que teoriza sobre o sexo.

–E todo iso, sen redes sociais

–Foi un traballo de Aurora. Desde que nace Hildegart está sometida a unha forte presión polo estudio. Con moi poucos anos ten grandes coñecementos e a súa nai comeza a exercer como relacións públicas. Lévaa á redacción de El Socialista, que é o primeiro xornal no que publica, e xa está esudiando dereito sendo unha adolescente. Hildegart é alguén que está por encima da media e medra alí por onde pasa. Nun congreso do PSOE foi a participante máis nova ata que, polas súas posicións extremas, rompe co PSOE. Hildegart era moi pouco permisiva coas contradicións que teñen todas as formacións políticas, onde non sempre se funciona por motivos ideolóxicos. Iso non o tolerae acabou expulsada, noutro partido e escribindo “¿Se equivocó Marx?”, un libro no que confronta ao PSOE coa ideoloxía do seu fundador.

–Que levou a súa nai a acabar coa súa vida no momento máis álxido de Hildegart?

–Hildegart foi unha creación da nai e esta interpreta que se lle está indo das mans. Unha das cousas que evidencia o ocorrido son as ansias de liberdade que tiña Hildegart, en contra do camiño que lle marcaba a nai. Pordúcese un enfrontamento entre ambas porque Hildegart quere poder cometer os seus propios erros e súa nai négase a admitir que non é unha proxección de si mesma.

–Aínda que ambas chegaron a ser moi coñecidas no momento, a súa historia é prácticamente descoñecida.

–Creo que esa circunstancia é unha cuestión xeracional. A xente de máis anos si que lembra esta historia. Ademais, hai algunhas referencias, como unha película de fernando Fernán Gómez (Mi hija Hildegart, 1977) e varias referencias en diferentes libros. A min pareceume unha historia que debía ser contada, xa non só pola historia das dúas mulleres, senón por todos os camiños que recorre. Aurora Rodríguez foi condenada a pena de cárcere, pero era tan problemática que a trasladaron a un manicomio. Alí acabou pasando máis anos dos que marcaba a súa condena.

–A grabación coincidiu coa chegada da pandemia

–A pandemia si que nos limitou en canto a non aparecer todos os entrevistados que buscábamos. Pillounos no medio da rodaxe, pero ao final, cando ía habendo algo de relaxación nas medidas, comecei a traballar na montaxe. Tiven que ver sobre 2.000 películas. O documental está construido sobre 423 películas sacadas de contexto para narrar o que foi a vida de Hildegart. Tamén inclúe varias entrevistas e unha secuencias grabadas nun museo de bonecas para intentar recrear un momento clave: a última conversa entre nai e filla.

–¿Cando poderá verse en Galicia?

–Agardamos que para o mes de decembro. Faremos varios pases na provincia da Coruña polo apoio que nos prestou a Deputación e poder levala á Arousa a finais de ano ou principios do seguinte.

–”A Viaxe de leslie” , “Pensando en Soledad”, “Carcamáns” ... Sempre apostou vostede pola non ficción para expresarse.

–Sempre me sentín moi cómodo nela porque sempre me gustou traballar con materiais reais. Con respecto a traballos anteriores, agora estamos noutro momento con alternativas diferentes. Antes tiñamos un límite de xanelas onde ofrecer estes traballos, pero agora, coas plataformas, hai un auxe da non ficción. Todas as plataformas están producindo series de non ficción e o documental, a grandes rasgos, empeza a ocupar espazos que non se lle cederan. Semella que veñen bos tempos para a produción de non ficción. Antes parecía impensable chegar ao gran público, pero agora é bastante frecuente. Agora queda superar os problemas que provocou a pandemia, que creou un funil nas estreas dos traballos feitos en 2020 e 2021 que nos obriga a pelexar polo espazo a todos.

Compartir el artículo

stats