Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Deámonos unha oportunidade

Firma do convenio para facer realidade o novo centro de saúde, o venres. | // PARGA

O venres foi, sen dúbida, un gran día. Agora ben, como cantaba Serrat, aproveitalo ou que pase de largo só depende de nós.

Dende aquel 17 de xullo de 2007, cando a Comandancia de Mariña arriou a bandeira por última vez, pasaron 14 anos. Dende aquel 28 de outubro de 2008, cando Defensa entregou ao Porto as chaves do edificio, consumíronse trece anos.

Dende aquel 11 de febreiro de 2009, cando unha conselleira –María José Rubio–, un presidente do Porto –Javier Gago– e unha alcaldesa –Dolores García– sentaron as bases da cesión da vella Comandancia para levantar no seu terreo o gran centro de saúde que Vilagarcía necesitaba xa entón, van alá 12 anos.

A ninguén se lle escapa que culminar ese proxecto, que non deixaba de ser un acto de xustiza, foi un dos nosos principais obxectivos dende que, en 2015, accedemos á Alcaldía co respaldo maioritario da cidadanía.

Dende entón, tivemos que ver e escoitar de todo: que o soar non tiña condicións para albergar o centro; que si as tiña; que era un capricho; que ningún vilagarcián defendía tal proxecto; e ata que “impresionaba” a miña obstinación persoal con ese tema.

Pois ben: o tempo, que, como a hemeroteca, é implacable, veu poñer as cousas no seu sitio. Unha enquisa de 2018, case unha década despois de asinado aquel protocolo, dicía non só que había un respaldo maioritario á reclamación dun novo centro de saúde, senón ao seu emprazamento na antiga Comandancia.

Chegar ata aquí non foi fácil. Certo que para moi’tos non será doado entender que os vilagarciáns teñamos que pagar por uns terreos que non deixan de ser públicos, pero certo, tamén, que poucos soares en Vilagarcía ofrecen esas cualidades de espazo, centralidade e prezo.

Non esquezamos que, en calquera caso, o Concello de Vilagarcía tiña que ofrecer á Xunta de Galicia os terreos como contribución a súa construción, e non é o mesmo mercar un soar privado que un doutra administración.

E tampouco ignoremos que, ao final, ese gasto repercutirá directamente no desenvolvemento do porto e, polo tanto, tamén da propia cidade.

O importante agora é que, por fin, vaise saldar unha débeda histórica con Vilagarcía e cos vilagarciáns. Os nosos maiores, os nosos fillos, nós mesmos, merecemos a mellor asistencia sanitaria, e os profesionais sanitarios –eses aos que un día aplaudimos e outros esquecemos- tamén merecen as mellores condicións laborais para coidarnos a todos os demais.

Sería desexable, polo tanto, que o proxecto do centro de saúde sirva de exemplo de colaboración entre institucións. Nestes momentos, o que nos pide a cidadanía é sumar esforzos. Porque agora, e como sempre, de calquera situación complexa ou saímos xuntos ou non saímos.

O do venres foi, sen dúbida, un gran día. O de hoxe tamén. Deamonos unha oportunidade.

* Alcalde de Vilagarcía de Arousa

Compartir el artículo

stats