Na década dos anos 90 do século XIX, Luís Antonio Mestre encarga a construción da vivenda situada na rúa da Carrela, á que dotan dunha entrada principal que dá acceso a unha escaleira que serve de eixo divisorio da estrutura.

No baixo, á man esquerda, quedaba un salón-comedor inspirado en motivos xaponeses e á beira dereita da escaleira, outra estancia, nun estilo decorativo enteiramente abstracto, composto por esquemas xeométricos complexos e claramente inspirado na cultura hispano-musulmán.

Imaxe do salón árabe. Dunia Álvarez

As dúas estancias contrastaban fastuosamente coa humildade de calquera das vivendas da vila do Grove. Aquilo era algo insólito para moitos dos seus veciños.

A casa de Luis Antonio foi lugar de encontro de literatos e persoeiros da cultura. O seu sobriño Jaime, refereríase a ela como "... un santuario. Pero es también una de las más bellas mansiones gallegas. Mestre ha puesto su espiritualidad en cada una de las estancias de aquel retiro encantador”.

O poeta compuxo alí, na soidade e ó abrigo das antigas paredes, as súas mellores obras. “Allí estudió -continuaba Jaime Solá- en los libros y en la naturaleza, y allí cantó como gran patriota en versos hercúleos y como economista analizó arduos problemas de la vida regional”, referíndose estos últimos, aos conflitos xurdidos a finais do século XIX entre os xeiteiros e os fomentadores da traíña que arrastraron graves problemas sociais e económicos ás familias dos pescadores grovenses, e de gran parte de Galicia.

 

A estancia de recepción: o salón árabe e Arturo Mélida

O salón árabe debuxouno Arturo Mélida y Alinari (Madrid, 24 de xullo do 1849-15 de nadal do 1902) a finais do século XIX para o literato coa finalidade de que fixera de estancia para recibir ás súas amizades.

Sabemos que o escritor non encargou a execución ás casas de contratación habituais da contorna de Vigo, onde vivía gran parte do ano, senón a uns mestres artesáns que viñeron do sur de España para levalo a cabo.

O humanista, arquitecto, escultor, decorador, ilustrador e pintor Arturo Mélida e Alinari.

O humanista, arquitecto, escultor, decorador, ilustrador e pintor Arturo Mélida e Alinari.

Trouxeron con eles man de obra especializada e materiais que non se atopaban en ningunha casa do Grove e posiblemente en toda a comarca.

Cabe preguntarnos, a estas alturas do relato, quen era ese artista, se era alguén relevante ou se, polo contrario, era un decorador local sen maior trascendencia no panorama nacional.

Arturo Mélida e Alinari foi un humanista. Un arquitecto, escultor, decorador, ilustrador e pintor. Cando lemos a súa biografía sobrecolle pola proxección artística e o grandemente dotado que era aquel home para as artes plásticas.

Unha das imaxes do salón. Dunia Álvarez

Mestre probablemente chegou a el polas súas relacións sociais na capital madrileña. Non esquezamos a súa relación de amizade con dous dos presidentes da I República, Salmerón e Pi i Margall, aqueloutra con Eduardo Chao, ministro de Fomento no goberno republicano presidido por Nicolás Salmerón, e a que mantiña coa escritora Emilia Pardo Bazán que ten na súa vivenda madrileña dá rúa San Bernardo nº 13 os habituais faladoiros de intelectuais.

Como tamén podemos falar do pintor Xoaquín Sorolla ,que ensina a un dous seus sobriños, e tantos outros que poden ter a conexión co artista.

Soamente con enumerar algunha das obras que fixo, darémonos conta da talla do xenio que deixou o seu sinal na vila do Grove.

 

"Un artista ecléctico”

Uns poucos anos antes de construírse a vivenda grovense, na cidade de Paris lévase a cabo a Exposición Universal de 1889,sendo Mélida o encargado de proxectar o Pavillón Nacional que representa a España.

Non moi lonxe levántase outra estrutura cuxa base posúe uns arcos que serán a futura entrada á exposición, unha enorme Torre, a do enxeñeiro Gustav Eiffel.

No deseño do pavillón español, Mélida emparexou tres estilos arquitectónicos dos máis representativos proxectando no seu interior algunhas estancias que posuían uns trazos de similitude coa decoración que debuxaría anos máis tarde para o escritor cubano.

O estilo neoárabe non lle era descoñecido ao autor xa que o plasmaría en outros edificios, como o oratorio do desaparecido Palacio de Medinaceli ou Uceda (Alberto Tellería, 2021).

Á vista das obras que realizou considérase a Arturo Mélida un arquitecto ecléctico que formou parte dunha importante xeración de profesionais entre os que se encontraban Gaudi, Lluís Domènech i Montaner, Josep Puig i Cadafalch…

·

O monumento a Colón

A perda de Cuba en 1898 trouxo un profundo pesar aos españois que vían irse unha das últimas colonias. Como feridos en retirada, non estaban dispostos a abandoar as cinzas de Cristobal Colón na Habana e así dispuxeron o traslado das exéquias en 1899 desde a Santa Iglesia Catedral da Habana á Catedral de Sevilla en España.

Hoxendía continúan na catedral sevillana no mesmo lugar onde se rematou en 1902 un monumento composto por 4 heraldos de bronce policromado que representaban aos catro reinos (Castela, León, Aragón e Navarra) e que, sobre os seus ombreiros, sosterían o féretro cos restos mortais.

O deteriorado salón árabe. Dunia Álvarez

Esta obra que, soamente estar ao seu lado impresiona pola monumentalidade, tamén é obra do enxeño de Arturo Mélida.

Un dato histórico casual que xorde ao escribir este relato é que, cando Luís Mestre Roig e a súa muller levan a bautizar á vella Catedral de Cuba ao recen nado Luís Antonio, en 1848, os restos de Colón permanecían aínda alí e tras o seu traslado a España en 1899, o mesmo home que lle deseñou o salón árabe uns anos antes será o mesmo que constrúe o monumento para repousar os restos do navegante. Casualidades.

Un dos máis grandes e demandados pintores decorativos de finais do século XIX

Arturo Mélida, co seu estilo e sensibilidade, acadou ser un dos máis grandes e demandados pintores decorativos de finais do século XIX polo que se entende que a súa obra póidase contemplar aínda hoxe en día en edificios como o Ministerio de Facenda, o palacio Bauer ou o Ateneo de Madrid, entre outros moitos.

Deste último, decorou o teitume do salón de actos, unha das súas obras máis importantes, pero tamén deseñou outras obras como o Sepulcro do marqués do Douro ou a coñecida base do Monumento a Colón situado nun illote do Paseo da Castelllana.

E cabe preguntarse, quen non viu algunha vez este monumento que, xunto coa Cibeles ou a fonte de Neptuno, son algúns dos máis coñecidos de Madrid.

Pois si, tamén é obra do mesmo autor que deseñou ese salón que está totalmente deteriorado, asperxido de auga en cada temporal e en cada choiva, carcomido o artesonado pola humidade e onde as paredes que unha vez estiveron decoradas en estuco están agora limpas, flanqueadas no chan por unha morea de xeso que noutro tempo foron adornos decorados en lacería.

En España quedan poucos exemplos de salóns neoárabes, moi habituais a finais do século XIX principios dos XX, sendo o do Grove un dos poucos que perviven daquela época. Actualmente semi-derruido, ante a inoperancia e a desidia de Patrimonio da Xunta de Galicia, a pesar de formar parte integrante dun Ben de Interese Cultural (BIC).