Fai medio século o cantautor Andrés do Barro daba a coñecer a música pop en galego coa estrea dun éxito como "Saudade". Agora, coincidindo co 30 aniversario do pasamento do artista, e aproveitando o confinamento polo coronavirus, músicos e creadores galegos coma Gogue, o caricaturista grovense que arrinca un sorriso ós lectores de FARO DE VIGO cada mañanciña, xuntanse para lembrar ó senlleiro artista galego e a publicación daquel éxito.

Fano con "Saudade 2020", unha versión conxunta da fermosa canción que os participantes gravaron nas súas casas durante o confinamento, mentras Gogue se encargaba das ilustracións correspondentes.

Unha nova realidade

Esta homenaxe preséntase nun vídeo musical co que queren "compartir saudades que musiquen a nova realidade que os uniu e unha nova realidade que nos una", explican os promotores deste traballo que é idea orixinal do cantautor Marcos Mella.

Engaden que "a nostalxia, a señardade, a morriña e a saudade, tan propias de Galicia e tan propias desta crise sanitaria, teñen así un novo tema e un novo vídeo", que ademais é, como se dicía antes, unha homenaxe "ao galego que puxera en primeira liña nacional o sentimento e a música de Galicia".

Desta volta, Gogue participa cunha obra orixinal e inédita creada para a ocasión coa que se ilustra un vídeo musical integrador, xa que nel tamén participa a especialista en lingua de signos Natalia Navaza, que aparece nas imaxes encargándose da interpretación para que tamén as persoas xordas ou con problemas auditivos poidan desfrutar deste "Saudade 2020".

Este traballo conta coa colaboración da ferrolá Andrea Lapique, unha das fillas de Do Barro, que lembra a ser pai dicindo que "tiña unha sensibilidade especial e chea de maxia".

Música que sobrevive

Un home que cando finou "deixou un baleiro en todos os que tiveron a sorte de coñecelo" pero que deixou a para todos a súa música, a cal "sobrevive ás ausencias, ao tempo e ás distancias para achegarnos lembranzas, amores e sensacións".

Deste xeito sae á luz "Saudade 2020", que loxicamente non sería posible sin os seus grandes protagonistas, os artistas. Son compositores galegos como a arousá Débora Silva e a pontevedresa Carmela "Mihermanapequeña", as dúas establecidas na Coruña.

Pero tamén participan Silvia Penide, de Meicencde (Arteixo), o emprendedor Dani Rios (Neda), Xabier Vizcaíno (O Incio), David Prado (Lugo), o músico compostelán Álvaro Iglesias "Alvarito Church" e o ferrolá Marcos Mella, responsable da produción deste importante traballo musical, multidisciplinar e integrador.

Tamén participa o pai deste último, Alfredo Mella, músico que, tocando o baixo, formou parte, no seu día, da banda e das xiras do propio Andrés do Barro.

El encárgase da parte musical, como o fan Alessandra Gallo Rodríguez, unha veciña de Sanxenxo residente en Basilea que toca o chelo; e Cristóbal Castro, nado en Santiago de Chile pero que vive en Cabanas e se encarga da percusión.

Entre os colaboradores do traballo atópase a xornalista Belén Baños. E non hai que esquecerse do videógrafo santiagués Álex Uzal, que dende "Fílmate Estudos Fotográficos" se encargou da realización, montaxe e edición do vídeo. Nin de Víctor Gacio, de "Estudos Anca", que fixo a mestura e a masterización do son.