En tempos de crise como a que está a provocar, a todos os niveis, a pandemia da covid-19, non queda outra que reiventarse e buscar novos camiños, incluso en mundos como o da cultura. Así o entenden dous dos máis grandes a interpretación en Galicia, Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán, unha garantía de éxito cada vez que xuntan os seus camiños. Nesta ocasión volvéronse a xuntar para dar pasos de pioneiros, preparar unha función a través da web. Esa función será unha interpretación moi particular de "Somos criminais", o espectáculo co maior número de entradas vendidas na historia do teatro galego, que terá lugar o día 6, ás 22.30, na páxina www.somoscriminais.gal. Despois da obra, os dous actores están barallando continuar a función, pero neste caso, a través dunha tertulia cos espectadores a través de streaming.

Blanco e Touriñán están preparando a obra no auditorio da Illa e grabarana, neste mesmo escenario, a vindeira semana. A emisión contará cun aforo limitado a un máximo de 5.000 accesos que deberán aboar cinco euros. Todos eles contarán co seu usuario e contrasinal para ver o man a man que terán Blanco e Touriñán durante case dúas horas de función.

Blanco amosábase onte moi ilusionado con este novo proxecto, sobre todo, tras comprobar que entre as persoas que reservaron entrada atópase xente "de moitos lugares do mundo a onde, antes de que isto ocorrese, non se nos pasaba pola cabeza acudir", como é o caso de Vancouver (Canadá) ou Copenhage (Dinamarca), entre outros. Esta emisión será a primeira destas características que se vai facer en Galicia e que "nos vai permitir atender un mercado que estaba totalmente desatendido; este é o momento de facelo e cremos que este é un bo sistema". Blanco é consciente das reticencias que moita xente ten a pagar por ver contidos en internet, por iso considera que "hai que acostumarse a facelo e ir dando pasos nese camiño". O que ten claro e que as industrias culturais -termo que recalca constantemente- imos ser as últimas en ser atendidas polo goberno, pese á gran cantidade de familias que vivimos disto, por iso non nos queda outra que buscar fórmulas para sobrevivir".

Os tres meses de confinamento provocado polo coronavirus impedíronlle a Blanco viaxar a México para novos proxectos que "van ser case imposibles de facer", pero tamén lle abriron outras perspectivas, como a de actuar en residencias e centros sanitarios para agradecer aos médicos e enfermeiros o esforzo amosado na loita contra a pandemia. O primeiro punto de actuación xa está decidido e será a residencia de Vilagarcía, tan só fica por fixar a data, que dependerá da evolución que rexistre a pandemia nos vindeiros meses.