Dez anos despois de que o colectivo Por Dereito elixise A Illa para empregar os papaventos como método de inclusión e visibilización das persoas con diversidade funcional, o Concello e a ANPA "Os Golfiños" do colexio Torre-Illa seguen adiante con esta iniciativa, que voltará a repetirse o vindeiro sábado no mesmo escenario, a praia do Bao, e a partires das 17.30 horas, sempre e cando o tempo o permita. Baixo o lema "Non deixemos que voen os nosos dereitos. Reivindiquémolos", levarase a cabo esta xornada que acumula xa dez anos ás súas costas.

O obxectivo é encher o ceo do Bao de papaventos nun dos actos simbólicos máis fermosos de cantos se celebran na Illa de Arousa, pois abarca un sentimento solidario moi amplo, para converterse nun berro en favor da inclusión dos nenos con espectro autista ou afectados con outro tipo de trastornos de conducta.

O Festival dos Papaventos, como se ven coñecendo desde que comezou a celebrarse, hai xa dez anos, non puido escoller mellor ubicación.

De feito, A Illa foi un Concello pioneiro en España ahora de tentar facilitar a vida a quen ten máis dificultades, con xestos como colocar pictogramas en todos os edificios públicos, e incluso, nas rúas. A iso súmase a instalación de randeeiras para nenos con discapacidade.

No acto tamén se acostuma a ler un manifesto a prol da integración destes nenos nunha sociedade que non acostuma a ser amable con eles, se non que lles pon todo tipo de trabas á hora de desenvolver a súa aprendizaxe.

Todos estes actos serven serven para enviar ao ceo azul unha mensaxe clara e pura á vez, unha verdadeira alegoría á solidariedade desde un pequeno punto de Galicia.

Ademais dos nenos do colexio Torre-Illa e os seus pais, cada ano son máis as persoas que se achegan a O bao a amosar toda a solidariedade que poden cos nenos de espectro autista. O ano pasado, por exemplo, chegaron cometas desde diferentes puntos da comarca do Salnés, e incluso, desde Pontevedra.

A organización agarda que as condicións meteorolóxicas acompañen nesa xornada. En caso de que non sexa así, a intención é pospoñer a súa celebración, probablemente para o seguinte fin de semana.