Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Plácido Castro, como en Irlanda (y II)

O autor fai un percorrido polo traballo do intelectual homenaxeado en Vilagarcía

Actividad de mariñeiros no Grove. // FDV

A insubordinación nacionalista de Pascua, en 1916, ocupando lugares estratéxicos de Irlanda, en plena Primeira Guerra Mundial, que rematou cos fusilamentos dos principais dirixentes independentistas irlandeses por parte das autoridades británicas, vai dar lugar a unha crecente onda de solidariedade e empatía irlandesa cos seus postulados políticos antibritánicos e á reclamación da saída inmediata do dominio British sobre Irlanda. En decembro de 1918, nunhas eleccións xerais, o Sinn Féin acada 73 dos 105 escanos que lle correspondían a Irlanda no Parlamento de Westmisnter, e deciden non viaxar a Londres para ocupalos, acudindo á Mansion House, en Dublin, onde constituiron de xeito unilateral, o Parlamente Revolucionario Irlandés e proclamaron a República de Irlanda. De 1919 a 1921 mantense unha dura guerra de guerrillas, denominada Guerra anglo-irlandesa, entre o Exército Republicano Irlandés e o Exército Británico co apoio dos paramilitares Black and Tans que arrasaban, torturando e queimando, vilas e comunidades humanas sospeitosas de seren simpatizantes da vella nación constituida en novo Estado. A esta guerra bianual séguelle outra de carácter civil entre irlandeses favorables e contrarios ao acordo que dividía Irlanda en dúas rexións, a do norte e a do sur. O Tratado anglo-irlandés mantiña que a rexión norte permanecía baixo o Reino Unido, e a outra que excedía a autonomía acadada ata entón. O que ocasiona outro bienio de guerra entre irlandeses, católicos e protestantes, con esmagadores resultados e elevados deterioros civís que aínda permañecen entreverados na sociedade. Esa convulsa situación política e social é permanentemente seguida, a través da prensa anglófila da época, polo estudante galego Plácido Castro que é alumno da Universidade de Glasgow, Escocia, e ten xa moito interese nos vencellos de Galicia e as vellas nacións celtas ás que identifica por sentimentos como o da morriña e a saudade dende os que desenvolve teorías de restauración da identidade propia que compartirá cos galeguistas ao seu retorno.

En 1928 Irlanda é pois un país en proceso de restauración, esnaquizado pola desfeita bélica dos anos anteriores boa parte do seu patrimonio, moi especialmente o de carácter relixioso, ao que Plácido Castro chega cun block de apuntamentos, máquina de escribir e cámara de fotos. A narración que fai en forma de textos literarios, crónicas xornalísticas e imaxes fotográficas é de altísima calidade, aínda superior se consideramos os medios dispoñibles no primeiro terzo do século XX. Nela está a fonda admiración por aquela sociedade da que tira o cerne da súa antropoloxía, paisaxe, etnografía, economía social, historia, linguaxe e filosofía. Dous meses de viaxe por remotas rexións de acceso complicadísimo como as Blasket Islands, arquipélago no suroeste irlandés, xa daquela moi escasamente habitadas e que van quedar desertas definitivamente arredor da metade dos anos de 1950; "Castro é particularmente perspicaz na súa descrición das Illas Blasket. Como ben sabían os insulares, era esta unha comunidade condenada. Durou só outros vintecinco anos, ata 1952, cando os derradeiros vintedous moradores das illas foron evacuados" en palabras do editor e escritor Norman Kean, prologuista da obra Un galego en Irlanda, de Plácido Castro.

Para esta viaxe fíxose acompañar dun experto en etnografía e cultura antiga, especialista en gaélico, Robin Flower, quen lle fai de guía e lle aforra tempo en procuras, era daquela a principal autoridade en asuntos relacionados co celtismo no Museo Británico.

Na primeira das súas crónicas expresa a que foi unha das mais fondas emocións da súa vida ao escoitar as palabras de benvida a Irlanda coas que o recibe "o profesor Eoinn Mac Neill, un dos mais eminentes historiadores de Irlanda, que me dixo canto me alegra recibir a unha persoa que vén de Galicia, é vostede da terra dos nosos devanceiros..." Para Plácido Castro que aquel que fora heroe da Insubordinación de Pascua, presidente da Cámara de representantes, vello loitador contra Inglaterra e ministro de Educación o recibise dese xeito, foi un momento moi especial. De seguida comeza as súas visitas aos principais museos de Dublín, e a viaxe cara o sur visitando Durrow, Clonard, Clononey, o mosteiro Clonmacnoise, de beleza tal que lle merece unha crónica completa. "A chaira central de Irlanda, a pesares da súa fermosura, ten a monotonía de todas as chairas. Pero ao chegar ao Condado de Kerry, no suroeste de Irlanda, entramos nunha rexión de beleza grandiosa...". Continúan a viaxe ata Dunquin, o Fisterre mais ao norte que o noso, e diante desa vila mariñeira xa só pode ver o imenso oceano e a silueta do arquipélago Blasket, no que se fala só o gaélico. O seu relato pon o foco en todo o que o rodea, a paisaxe, o territorio, as vivendas, os costumes, as artes de pesca e habilidades dos mariñeiros, a construción de barcos e as embarcacións que utilizan, os contos orais que relatan, as lendas; e ao tempo refírelles o que lles preocupa da vida de nós, os galegos, abraiados de que sexan os bois os que tiran do cerco nos areais, ou que usemos culleres de pau para comer o caldo... Nós os galegos dos que dí unha vella lenda que foron os mariñeiros do litoral da punta norte e oeste os primeiros habitantes desas illas cando fomos pescar peixe mais a norte, cando rematou a derradeira das grandes glaciacións, o que corroboran as teses do eminente científico Ánxel Carracedo quen advirte pegadas xenéticas galegas no adn irlandés, e iso ben puido ter consecuencias nas lendas e tradicións de orixe céltica....

Compartir el artículo

stats