Síguenos en redes sociales:

Xesús Santos: "Que non se enfaden en Catoira, pero a idea de recrear as invasións vikingas naceu en Rianxo"

"A Romería Vikinga ten futuro porque engancha, todos os nenos queren ter o seu casco e a súa espada"

Xesús Santos: "Que non se enfaden en Catoira, pero a idea de recrear as invasións vikingas naceu en Rianxo"

Dende o luns homenaxea ao párroco Faustino Rey Romero, fundador do Ateneo do Ullán e visionario precursor da Romería Vikinga, coa obra de teatro "O vikingo converso", escrita por el mesmo. Nela rememora as súas peripecias xunto ao que define como un "activista cultural" e "cura incomprendido". Con pouco máis de vinte anos viviu en primeira persoa nas Torres de Oeste o que podería considerarse como a primeira Romería Vikinga da historia. Xesús Santos, natural de Rianxo, pisa areas movedizas e defende que a idea de recrear as invasións normandas xurdeu no lado coruñés do rio Ulla: "Espero que non se enfaden os de Catoira".

- ¿Como é iso de que a idea de rememorar as invasións vikingas naceu en Rianxo?

- Nos anos 50, unha década antes do xérmolo da Romería Vikinga, chegou a Rianxo un farmacéutico represaliado, José Carnero Valenzuela. Era republicano e salvou a vida de milagre despois de proclamar a república galega na emisora compostelana Unión Radio Galicia en xuño de 1936. Era un home de ideas, moi lido, con cultura ampla. E dixo: esta é unha vila morta e, como existe a lenda de por aquí viñan os vikingos e piratas para asaltar Santiago, había que facer un simulacro nos restos do castelo -o actual Castelo da Lúa- na desembocadura do río Te. Sería un acto lúdico e festivo que podía ter gancho turístico. Borobó, que o coñecía e viña veranear aquí, escribiu un "anaco" con esa historia. Chegou a oídos de Faustino Rey Romero, que a colleu e desembocou, anos despois, na que hoxe é a festa de maior atractivo de Catoira e a que acuden milleiros de persoas.

- Cóntenos, ¿cómo coñeceu ao cura Rey Romero?

- Non coñecín a Faustino ata o ano 1958. El exercía o seu ministerio na Diócese de Tui e por aquí viña pouco. Entramos en contacto a raíz dunha representación teatral. Foi sancionado polo bispo de Tui e estivo recluído no Convento do Carme de Padrón unhas semanas. Depois quedou a vivir unha tempada na casa dos pais en Isorna. Foi unha sorte que o castigaran porque Rey Romero moveu a cultura da zona, tanto de Rianxo como de Catoira e Padrón. Foi un revulsivo. Ademais, a Catoira viña en verán Baldomero Isorna, que residía en Madrid, pero era natural da vila. Eles dous deron un aire novo á cultura e fundaron o Ateneo do Ullán. Tamén andaban por alí Xosé Piñeiro Ares, Borobó, ás veces Máximo Sar, que é o único que vive dese grupo, ou o pintor Carlos Bóveda, que fixo cun saco de cemento o cartel co nome do Ateneo que se puxo na cantina da estación de tren de Catoira, rexentada por Segundo Rodríguez. Alí xurdiron moitas ideas e ata pretendían ter unha editorial. Foi un prodixio. O Ateneo do Ullán tivo unha vida efímera, pero algúns soños fixéronse realidade, como o desembarco e o teatro.

- Para ser un sacerdote, a Rey Romero íballe a festa.

- Era un personaxe histriónico e festivo, pero moi importante para ambas beiras do Ullán. Era incomprendido polos outros curas porque non era un párroco á usanza. Falaba galego, declarábase antifranquista e non era amigo de cobrar as misas. Era un cura de pobo que sintonizaría moi ben coa doctrina do Papa Francisco. Era tamén corresponsal de Faro de Vigo. A primeira entrevista a Rafael Dieste cando volveu do exilio fíxolla el. Faustino versificaba con moita facilidade e, de feito, a primeira vez que se reuniron nas Torres, no ano 61 ou 62, protagonizou unha anécdota con Luis Bouza Brey, que chegara de Vilagarcía, a conta dun polo que tiña reservado na cantina. Rey Romero quedou con el e, en agradecemento, escribiulle unha cuarteta que dicía: "Meu amigo Bouza Brey, moitas grazas polo polo, lástima que fora un solo. Sempre teu, Faustino Rey".E contestoulle moi ben: "Aínda que o regalo che pareza magro, cólleo e non te queixes. Por que non fas un milagro como o do pan e o dos peixes".

- E vostede, ¿que papel xogaba entre tanto intelectual?

- Eu era o monaguillo (risas). Era un rapaz e pouco facía. Aprendía con eles, empapábame desas ideas, foron os meu mestres.

- Na obra de teatro rememora unha noite que pasaron nas Torres de Oeste, ¿como a lembra?

- Faustino díxonos: imos ir as Torres que hai un pescador, Pedro O Montañés, que xa me espera. Era un home mal falado, rudo e durmía alí nun bote. Alá marchei con outros rapaces e cun cobertor que non chegaba a nada para, ao abrigo da capela de Santiago, protexernos do vento do norte. Tiñamos bebida da cantina e cunhas copas combatíamos o frío. Estivemos toda a noite aprendéndolle a dicir a Pedro "vikingo". ¿Como se di, don Faustino? Vi-kin-go. Mañan van vir os do Faro de Vigo e teslle que dicir "son un vikingo". A altas horas puxémonos a gritar, a dar a voz de alarma como se viñeran os vikingos. Escoitabannos en Catoira, nos deixamos durmir en toda a noite. Estabamos convencendo ao Montañés de que era un vikingo. Costoulle, pero despois asumeuno moi ben. Ao día seguinte, Piñeiro Ares vestiuno cunha chambra de cores, un pano na cabeza e algo parecido a unha espada. Ao verse así vestido, transformouse e dicía "son o último vikingo que ven atacar as Torres de Oeste" e veu polo río arriba no bote. Esa noite naceron o desembarco e tamén o teatro, porque todo iso foi teatro. Nos anos seguintes aquelo non iba a máis porque non había medios económicos. Apareceu Cedonosa, que entón era unha empresa puxante, e pareceulle unha idea extraordinaria e tamén publicitaria. Aproveitáronse mutuamente a romería e Cedonosa e ese foi o despegue. Máis tarde fíxose cargo o Concello,xa na democracia. Daquela todos querían adoptar a esa criatura, porque foi un éxito víanlle rendemento. A pena foi que Faustino Rey non puido ver todos eses progresos. Chamárono de Tui para que se incorporara a dirixir un convento de monxas. El quería marchar de Galicia, considerábase un exiliado interior, pero as autoridades eclesiásticas non lle daban pasaporte. Con todo, consigueu ir a Buenos Aires e alí morreu no ano 1971. El puxo a semente e houbo xente que a regou e a coidou. Hoxe é unha árbore frondosa que sigue dando froitos. É a raíña das festas de Catoira e de Galicia, tanto que se declarou de Interese Turístico Internacional.

Pulsa para ver más contenido para ti