Ramón Nogueira é de San Tomé e estudia segundo de Bacharelato no instituto Francisco Asorey. Con só 17 anos ve cumprido o soño de calquera aspirante a escritor: ver publicada a súa obra. “Berros dende o Alén” é o título do seu primeiro libro, que presentou onte pola tarde no propio Asorey. A responsable da edición é a asociación de ensinantes Candea, que durante 2009 tivo un protagonismo capital na organización de actividades de homenaxe a Ramón Cabanillas. Para a presidenta desta entidade, Adela Leiro, a mellor maneira de despedir o Ano Cabanillas é precisamente “poñer a mirada no futuro e impulsar o nacemento dun autor novo”.
-¿Como definiría “Berros dende o Alén”?
-Son poemas sobre todo de tipo intimista, que tratan os temas da adolescencia. O que intento con eles é expresar todo o que sinto en cada momento.
-É poesía intimista, pero vostede tamén escribe cousas combativas, reivindicativas.
-Si que escribo ese tipo de poesía, pero non está en “Berros dende o Alén”.
-¿Que pretende transmitir co título do poemario?
-“Berros dende o Alén” significa unha maneira de ver o mundo máis alá da perspectiva que temos habitualmente, máis alá do home.
-¿Que se sinte ó ver publicado un primeiro libro con só dezasete anos?
-En primeiro lugar un agradecemento enorme hacia os que me dan esta oportunidade. Levaba buscando isto dende hai catro anos e ver agora o libro entre as mans é marabilloso.
-A idea da publicación en papel xorde despois de que vostede crease un blog no que ía publicando as súas poesías, e de que un profesor seu reparase nelas. ¿É a internet hoxe en día unha ferramenta útil para que se dean a coñecer os autores novos?
-Eu creo que si. Eu procuraba que o blog fose o máis atractivo posible introducindo fotografías, que é algo que tamén me atrae bastante.
-¿Que significa para vostede o acto de escribir poesía?
-Un desafogo inmenso, e unha maneira de expresar o que sinto dun xeito fluido e exacto.
-¿É máis doado acadar eses obxectivos coa lírica que cun escrito en prosa?
-Eu intenteino primeiro coa prosa, pero non me sentía cómodo e notaba que non expresaba o que eu quería. Ata que un día probei a facelo en verso e vin que era así como lograba desafogarme de verdade.