Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A "electromuiñeira" é o futuro...

Alejandro Guillán aparca o seu alter ego Alex Casanova e fusiona folk e caixa de ritmos en Baiuca

Alejandro Guillán.

Os emigrantes saben que só se pode sentir morriña fóra da terra e Alejandro Guillán, que ata agora era coñecido nos circuítos musicais como Alex Casanova, demostra que ese sentimento que provoca o estar lonxe pode ter ademais efectos secundarios positivos, como estimular a creatividade. O resultado chámase "Baiuca", que esperta mentres Alex Casanova "está durmido" despois de experimentar o pop refrescante de "Antogonasia". "Para a música que fago preciso ter algo lonxe", comenta este mozo de Catoira que agora cumpre o requisito ao vivir en Madrid, a 500 kilómetros de distancia dunha terra cuxos sons tradicionais se convirten no motor da súa nova aventura, que se materializa nun album de debut, "Solpor", editado por Raso Estudio.

Así como unha lesión o apartou do fútbol e o levou por camiños musicais, coma outro galego ben coñecido, os sintetizadores non fixeron caer no esquecemento de Alejandro que tocaba a gaita de pequeno. Aínda que a deixou de lado no instituto, "sempre", conta, tivo a idea de facer algo relacionado con iso que lle gustaba. Foi probando e ao final saiu "xusto" o que quería. E que foi? Como explican dende a súa casa discográfica, no proxecto "Baiuca" as caixas de ritmos danzan ao ritmo de muiñeiras. Mesmo a muiñeira de Chantada se converte nunha electromuiñeira. E comenta Alejandro que "á xente máis achegada á música tradicional estalle gustando moito".

Claro que entre a música tradicional galega e a electrónica non hai tanta distancia. Ao final, explica, a percusión "é o que define tamén a nosa música", sinala. "Por que non mesturar música electrónica con pandeiretas?" Trátase, conta, de "homenaxear a nosa música e achegala a xente máis nova e xente doutros lugares que igual non a escoitaría doutro modo". Daí o de incluír unha canción "coñecida", coma a muiñeira de Chantada, que permite comprobar dun xeito doado como cambia coa súa interpretación. Non está só. Son tempos, di sobre a muiñeira bailada coma un rap por "Media Punta" de Vigo, en que "a xente quere que se reinterprete o que ten preto". Nese sentido pregúntase "por que te vas apoiar noutros lugares se aquí tes unha música riquísima"?

O máis "difícil" da súa iniciación, confesa, foi "conseguir encaixar unha gaita". Aínda que o propio Alejandro si se encargou das frautas (e a súa norma foi non regravar o que xa estaba dispoñible e podía "reinterpretar"), non fixo o mesmo con ese instrumento co que ten unha conta pendente que, con todo, non descarta tocar en directo.

Alejandro, que contou coa Asociación Cultural Xirandela para moitos instrumentos e voces, estará acompañado sobre os escenarios do videoartista Adrián Canoura, que in situ intervén sobre gravacións vencelladas a Galicia, "xerando un universo estético" que marida coa música e co espírito de "Baiuca" coma un bo viño cun manxar. Igual ca esta nova iniciativa que agora "emociona" ao galego fusiona o máis tradicional co máis vangardista.

Compartir el artículo

stats