Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Menos mal que nos queda o Culturgal

A carpa instalada no Pazo da Cultura de Pontevedra acolle esta fin de semana máis de 120 actividades

Ao redor de 15.000 persoas pasarán por Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, que se celebra hoxe, mañán e o domingo no Pazo da Cultura de Pontevedra. Máis de 120 actividades para un programa destinado ao público xeral que cada ano serve de escaparate para saber que está acontecendo no sector cultural de Galicia. Moitas actividades familiares, presentación de novidades editoriais, teatro, estreas de cine e, por suposto, moita música. Concertos en formato showcase (media hora) que percorren estilos e artistas variados.

Desde hai dous anos a Feira habilita unha carpa anexa ao recinto feiral (para evitar interferencias) de case 400 metros cadrados, climatizada e coas melllores condicións técnicas para que artistas e bandas presenten os seus novos traballos. Así con blues arrancarán hoxe as propostas musicais da carpa. Ali estará o músico coruñes Javier Prado ás 18.45 para presentar o seu proxecto "O cadelo lunático", primeiro disco do seu proxecto en solitario. Unha incursión no blues en galego, con temas propios e tamén con poemas clásicos de Celso Emilio Ferreiro ou de autoras contemporáneas como a escritora galega Cristina Corral Soilán.

Na xornada inaugural da Feira tamén o músico vigués Samuel Leví (19.30) ocupará a carpa cunha proposta moi especial: o seu concerto a cegas. Samuel Levi y los Niños Perdidos propón ao público mergullarse no seu directo cunhas máscaras, agudizando a experiencia auditiva para contrarrestar a idea de que hoxendía a imaxe é o que máis importa nun músico.

Tradicional, folque, pop e electrónica daránse cita na carpa do Culturgal o sábado, día grande da Feira coa presentación dos novos traballos de Orquestra Os Modernos, Cristian Silva, Sanjurjo & Dopico e Celtyc Music System. O mesmo día no que o músico Caxade mostrará a edición discográfica do directo especial que levou a cabo coa Banda de Música de Bandeira na edición Culturgal 2014. Un concerto único que agora sae en edición DVD/CD.

Máis música na xornada do domingo con propostas variadas que van desde o coro centenario da Coruña Cántigas da Terra até o dixie jazz de New Orleans Trio ou a estrea de Tatán Cuña, fundador de Tanxarina Títeres, na canción de autor co seu proxecto "Chapeu". A música na carpa do Culturgal remata o domingo 6 cunha formación de Vigo que representa o dinamismo e calidade do jazz da contorna. O crooner Javier Marcos presenta na Feira o seu disco "Ten" rodeado de Felipe Villar, Rosolino Marinello, Max Gómez e José Manuel Díaz. Eles asinarán o último concerto do Culturgal 2015 o domingo 6 ás 19.30.

Novos formatos

A música tamén procura novos formatos na Feira e así en 2015 acolle a presentación dun proxecto moi interesante chegado do veciño Portugal e da cercana vila de Paredes de Coura. A Escola do Rock é unha iniciativa da cámara municipal de Paredes, coa dirección artística de Nuno Alves, que permite a un conxunto de rapaces a partir de catorce anos desenvolver competencias creativas no rock. A piques de desenvolverse a segunda edición, no mes de decembro, os seus impulsores queren presentala en Galicia a través de Culturgal.

Son máis de 120 actividades no programa oficial da Feira, ás que se suman todas as organizadas polas 81 entidades expositoras nos seus stands. O programa Culturgal 2015 inclúe unha grande exposición de arte contemporánea, "Somos Espazo. Simbioses entre arte e arquitectura", que reúne a 22 artistas e arquitectos nunha mostra que se manterá aberta até o 10 de xaneiro.

Así mesmo a Feira programa un espectáculo especial de humor o sábado 5 ás 21.30 no Auditorio do Pazo da Cultura con Candido Pazó, Celso Fernández Sanmartín, Lucía Aldao e María Lado. Unha sorte de "Culturgal Comedy" que reúne no escenario a algúns dos mellores contadores de historias de Galicia.

A entrada á Feira ten un prezo de 2 euros que permite acceder a todas as actividades do recinto feiral. Se se quere ir máis dun día, unha pulseira de 3 euros permite entrar e saír venres, sábado e domingo. Os menores de 12 anos pagan 1 euro por día e 2 pola pulseira bono.

"Hai público familiar, hai público interesado en propostas concretas da programación, hai público profesional... Hai tempo que sabemos que non nos diriximos a unha audiencia acotada", sinala Manuel Bragado. Para o presidente de Culturgal, o papel do público e a súa resposta ante a introdución da entrada de pago na edición 2014 é síntoma do futuro da Feira. Este ano, ademáis, máis de 30 bares e restaurantes de Pontevedra ofrecen descontos dun 10% nas consumición ao mostrar a pulseira da Feira.

Compartir el artículo

stats