Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Da freguesía administrativa en Galicia

O nacionalismo galego, desde as Irmandades da Fala, e mesmo o movemento agrario, revindicou o recoñecemento da freguesía civil como obxectivo fundamental desde principios do século XX

Informe de Galicia Ceibe-OLN sobre a administración local de Galicia publicado na revista "Espiral" (1983).

En Vigo, primeira urbe e motor industrial de Galicia, todo o mundo sabe que hai parroquias ou freguesías como unidades culturais e de poboamento: Valadares, Bouzas, Teis, Lavadores, poño por caso. Mesmo coñecemos unha asociación de comerciantes de "Santiago de Vigo", que pretende distinguirse de outras patronais mercantís do mesmo centro da cidade pola súa pertenza a unha freguesía moi antiga.

O nacionalismo galego, desde as Irmandades da Fala, e mesmo o movemento agrario, revindicou o recoñecemento da freguesía civil como obxectivo fundamental desde principios do século XX. A verdade é que a lexislación municipalista española, da Dictadura de Primo de Rivera á lexislación actual, pasando pola republicana e pola franquista, sempre permitiu a existencia de entidades submunicipais ou de entidades locais inferiores ao municipio. Antes do presente réxime monárquico puxéronse en vigor, co nome de entidades locais menores, as únicas freguesías administrativas presentes en Galicia, que son Arcos da Condesa (Caldas de Reis), Bembrive (Vigo), Camposancos (A Guarda), Chenlo (O Porriño), Morgadáns (Gondomar), Pazos de Reis (Tui), Queimadelos e Vilasobroso (Mondariz).

Despois veu a autonómica lei de administración local de Galicia que tamén recoñece a posibilidade de que se constitúan entidades locais ou freguesías civís nesta chamada (pouco) nacionalidade histórica. O caso é que, aínda tratándose dunha reivindicación nacionalista, ningún concello gobernado por nacionalistas aumentou o número de entidades locais menores. Nin Pontevedra, nin Allariz, nin Cangas (por exemplo) fixeron nada por pór en práctica aquilo que defendera Castelao e aparecía nos programas nacionalistas desde o das Irmandades da Fala en 1918 aos dez puntos da UPG de 1963 e 64. As razóns deste desinterese, que parece prolongarse nos novos gobernos municipais de unidade popular é de difícil comprensión.

A lexislación local española favorábel á creación de entes locais submunicipais foi, en troques, moi ben aproveitada polos nosos compatriotas da Galicia Estremeira ou Exterior. Digamos que, no Bierzo, en 37 concellos funcionan, e mesmo locen impoñentes sedes, 352 Xuntas Veciñais ou de Freguesía. E se imos ás cidades, observaremos que en ningunha das nosas (excepto Bembrive, Vigo) se coñece a existencia de Xuntas de Freguesía e que estas mesmo estarían prohibidas parcialmente pola lei de administración local da autonomía galega; lei que, por outra parte, nunca se usa en materia de administración submunicipal. Ao contrario, en Madrid funcionan plenamente as Juntas de Distrito e, en Lisboa e no Porto, o territorio urbano organízase nas súas Juntas de Freguesia. Isto último estanos levando a Portugal.

En Espiral (1983) fixo público un informe Galicia Ceibe-OLN, que foi redactado por X.M. García Crego. Alí se di que está vixente en Portugal unha lexislación de autarquías locais que, provinda do pasado, atravesou o salazarismo e rexe nos nosos días despois de sofrer diversas modificacións. En todo Portugal, o poder local pertence ás Juntas de Freguesia e ás Câmaras Municipais. Consideramos que o sistema portugués nesta materia se axusta á realidade de Galicia coma a luva correcta pode axustarse a unha mao. En todo caso, a Galicia administrativa actual limita polo leste e polo sul con territorios nos que a freguesía ou parroquia civil vive e cumpre a súa función. Todo o cal produce no Fondo dos nosos Espellos un desasosego.

Por que esta anomalía? Por que a resistencia dos partidos nacionalistas a pór en práctica unha aspiración que herdaron como inseparábel do programa dos seus devanceiros e que poden aplicar alí onde teñen poder municipal ou esixir onde se encontren na oposición? Estamos perante un caso de auto-odio ou de medo á libertade (a esta mínima libertade que é a autonomía local máis primaria) propio dos colonizados? Ou non será que os partidos nacionalistas, igual ca os non nacionalistas, preferiron incentivar a creación subvencionada de asociacións de viciños facilmente manipulabeis a lles conferir soberanía real ás freguesías para as poboacións elixiren os seus vigairos e as súas xuntas mediante sufraxio universal?

No Fondo dos Espellos propomos a derrogación da vixente Lei de administración local de Galicia e a promulgación dunha nova que conteña os principios básicos e funcionais da lexislación republicana portuguesa sobre autarquías locais.

CAIXA POSTAL

  • "Retomando anotacións dos meus vellos libros, resalta unha, por pouco frencuente, e penso que moi grafiticante por xenerosa. Trátase dun libro que mandou facer (1.000 exemplares) no ano 1964 un destacado empresario de Vigo, e amante dos vellos libros, coleccionista de incunables, no cal interveñen uns vinte intelectuais e doutores en distintas materias.A min, particularmente agradoume que, entre tantos eruditos, figure un obreiro, Juan Valois, de Vigo, e gravador, así como un caixista tipográfico, José Vilas López, veciño de Madrid e natural de Salvaterra de Miño (Galiza).Cando concordan o bo criterio ca xenerosidade non queda máis que dicir: Parabéns e Noraboa.Unha grosa aperta. Saúde e Terra".Manuel Xío BlancoAlto BarreirosSabexeira (Mós)Esta carta do amigo Manuel Xío resulta moi interesante polas informacións que oculta e moi vivificadora polos datos que saca á luz. Quen é o empresario bibliófilo cuxo nome se cala e que edita un libro cuxo título tamén permanece na sombra? Todo isto a carón dos nomes de mestres de dous oficios: un gravador (en litografía, supoñemos) e un tipógrafo, que resultan ben explícitos. Eles son Juan Valois e José Vilas López.Con moito gusto reproducimos a carta de Manuel Xío Blanco, pero pedímoslle que nos clarifique o seu contido desvelando para os lectores quen foi o editor do libro e tamén o seu título, lugar de edición e nomes de todos os demais colaboradores. Entre os lectores hai seguramente moita xente que supón pero pouca, ou ningunha, que teña resposta para todas as preguntas que suscita a carta do noso prezado correspondente.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats