Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Centenario das Irmandades e sangue

A carta de Víctor Casas ao arquitecto Gómez Román pouco antes de ser fusilado no monte da Caeira exerceu unha grande influencia sobre os iniciadores da UPG na clandestinidade e no exilio

Víctor Casas, membro da dirección do Partido Galeguista e director d'A Nosa Terra. Foi fusilado en 1936 polos militares franquistas.

Sinala moi ben Arturo Casas que catro dos máis importantes xornalistas galegos dos días da II República foron asasinados polo franquismo. Fala de Manuel Lustres Rivas, Roberto Blanco Torres, Johán Carballeira e Víctor Casas. Os catro eran nacionalistas, de esquerda e republicanos. Véxase Luís Cochón, Arredor das Irmandades da Fala, Xerais, Vigo, 2016.

A principios da década dos sesenta do século pasado, foi parar ás mans de Antón Beiras García, oculista ilustre que exercía en Vigo, un documento conmovedor. Tal era a carta autógrafa que Víctor Casas, cadro executivo do Partido Galeguista e director do periódico A Nosa Terra, lle dirixía, pouco antes de el ser fusilado no monte da Caeira a don Manuel Gómez Román. O arquitecto lograra salvar a vida despois da sublevación militar e asumira funcións clandestinas de representación e dirección do Partido Galeguista naquela crise horrorosa. O orixinal da carta do condenado a morte fora custodiado durante moito tempo por alguén que, finalmente, llo entregou a Antón Beiras. Fixéronse copias do documento que, inclusivamente, foi microfilmado. Distribuiuse en medios nacionalistas e de esquerda. Por fin foi parar ás mans de Isaac Díaz Pardo e de Luís Seoane, os cales o incluíron, como facsímile e mais traducido ao castelán, no seu libro Galicia hoy, Ruedo Ibérico, París, 1966. Reza así este escrito (as cursivas son nosas): "Cárcel de Pontevedra 2 Novembro 1936// Irmán// Manuel Gómez Román// Querido D. Manuel: Quero, niste intre, despedirme de vosté e de todo-los nosos irmáns. Non hei de entrar en detalles para lle expoñer o asesinato que comigo e cos demáis compañeiros se cometen. De todo-los procesos habidos hei de resaltar sempre o noso; resolto de unha maneira craramente arbitraria obedecendo a un desexo de venganza e temor que polo visto necesitaron nestes intres en que xa teñen convencimento absoluto da súa derrota. En fin é triste e doroso morrer estúpidamente, sin motivo ningún, sobor todo cando se olla perto o trunfo da nosa Causa por virtude do aplastamento do movimento criminal que ensanguentou a Hespaña e no que a Galicia lle tocou o papel de mártir.// Pídolle a vosté e a todos que no intre do trunfo e da liquidación do sucedido non esquenzan os culpabres. Confío en que seguirán traballando pola liberación definitiva. Reorganicen o Partido, o noso grorioso Partido, e xa craramente, pois non pode haber dúbida para ninguén, con un matiz netamente esquerdista dentro das esencias vivas da personalidade de Galicia.// Respecto aos meus, muller, fillos e nai, nada lle digo que non poida encargar sin verbas.// Confío en que as familias dos que caímos non ficarán desamparadas. Agardo de vostedes se procupen de que as dos galeguistas caídos teñan a compensación posíbel.// E nada mais. Morro pensando nos meus e na miña Terra. Despídome de todos.// De todo corazón envíalle unha aperta seu irmán na Causa//Víctor Casas// ¡Viva Galicia libre!".

A carta de Víctor Casas a Gómez Román exerceu unha grande influencia sobre os iniciadores da UPG na clandestinidade e no exilio, moi especialmente sobre aqueles que procedían das direccións nacionais do Partido Galeguista (Xan López Durá) e da Federación da Mocedade Nazonalista ou Galeguista (Celso Emilio Ferreiro). Afectoulles a estes, e ainda que non só a eles, o paso que reproducimos en letra cursiva no cal Casas lle pide a Gómez Román, de xeito taxativo, que se reconstrúa o Partido Galeguista desde bases inequívocamente esquerdistas. Neste sentido, as palabras de Víctor Casas escritas pouco antes de ser fusilado, representaron unha sorte de orde de inexcusábel cumprimento que mobilizou as subxectividades daqueles que se comprometeron a erguer, na clandestinidade e no exilio, o novo partido, alternativo ao piñeirismo antinacionalista e anticomunista, que se chamou Unión do Pobo Galego (UPG).Eu sei dun membro da UPG que pensou nesta carta ao ingresar na cadea de Pontevedra, aínda que non se tratase do mesmo edificio no que estivo preso Víctor Casas antes de ser fusilado na aba do monte da Caeira, entre os concellos de Poio e a porción de Pontevedra que cai na marxe dereira da Foz do Leres ou do Alba. Como é sabido, a editorial española Ruedo Ibérico, de París, marcou unha nova época para a oposición ao réxime de Franco. Marcou exactamente o tempo no que, en Galicia, terminaba para sempre o "bipartidismo" que na clandestinidade e no exilio, se repartían, en termos de influencia, o galeguismo en versión piñeirista e o comunismo de práctica carrilista. Na creba de tal bipolaridade encóntranse en Ruedo Ibérico a publicación de El Pensamiento político de Castelao, de Alberto Míguez e a de Galicia hoy, así como, naturalmente, a fundación da UPG despois da liquidación do Consello da Mocedade. Non sei se é feito suficientemente coñecido que José Martínez, o admirábel creador e propietario de Ruedo Ibérico, estaba fortemente subvencionado, para estas edicións galegas e para outras non galegas, por Isaac Díaz Pardo, quen, deste xeito, influía, ao seu xeito, no curso da historia do antifranquismo con criterios marxistas e de patriotismo galego.

Unha vez que a carta de Víctor Casas saiu editada en Galicia hoy (1966), a súa difusión sobardou o ámbito clandestino da UPG e foi de coñecemento xeral nos ambientes antifranquistas, máis amplios, que tiñan acceso aos libros editados en castelán por Ruedo Ibérico. Aínda que disto, e de cousas concomitantes, podería falar con maior fundamento ca min Luís González Blasco "Foz" que cruzou a fronteira de Francia cos cans da Político-Social trabando nos seus calcañares e foi acadar acubillo na editorial Ruedo Ibérico, número 5 da rúe Aubriot (na realidade un impasse ou canellón) de París IV ème.

CAIXA POSTAL

  • O lince galego"Teño entendido que vostede é afeccionado ao monte, por iso me permito escribirlle desde o concello de Beariz, que é montañés. Quixera preguntarlle o parecer sobre unha noticia que ten andado polos periódicos de Galicia sobre un exemplar de lince que morreu en Portugal e que seica andou controlado mesmo por terras galegas. Seu".Pablo Rodríguez JaneiroMéxico DFEu lin tamén a noticia da que nos fala Pablo, pero non estou ben informado do asunto. De que houbo linces en Galicia fálanos o Padre Sarmiento. Parece que os galegos do seu tempo, século XVIII, lle daban o nome vulgar de "tigre". O noso grande zoólogo Víctor López Seoane, na Fauna Mastológica de Galicia (1861) certifica a existencia deste felino ou félido no noso país, sempre en territorios boscosos. Como a agricultura se retira e o bosco primitivo regresa, mesmo axudado pola reforestación economicista dos toxais e pasteiros propios do noso país, é posible que o lince regrese e volva cazar en Galicia coellos para lle comer os sesos como disque é o seu costume. Dado que o nome vulgar galego do lince, segundo López Seoane, era do de lobo cerval, pois axiña poderesmoslle ver, con sorte, as características orellas a este lobigato de que falamos. En todo caso, o lince actual que menciona o señor Rodríguez Janeiro, sempre segundo as axencias de noticias, procede dun centro de recuperación da especie situado no sul de Portugal e foi morrer nos arredores da cidade do Porto, coido que no concello de Maia. Isto é, en territorio galaico pero nada boscoso e si moi poboado e mesmamente non lonxe do aeroporto Sá Carneiro. Se temos bagar trataremos no Fondo dos Espellos monográficamente do lince en Galicia. Mais hoxe non.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats