Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

No xardín das figuras da finitude

Unhas horas co filósofo Francisco Sampedro

Francisco Sampedro ven de publicar Figuras da finitude, un libro denso, cheo de ideas e suxerencias, sobre a morte, abordada coma finitude da existencia humana e en canto conciencia desa finitude intimamente vinculada ao máximo grao de individuación.

A morte devén obxecto do discurso filosófico cando se amosa "como a miña morte" por iso afirma que "o discurso sobre a morte comporta todo un conxunto de claves individuais que fan imposíbel ofrecer unha luz que sirva para a totalidade dos existentes". E artella o libro a través de "figuras, xeito de imaxes que cobran a forma de intuicións sen contido".

Despois de expoñer as liñas fundamentais que percorren a historia do pensamento filosófico occidental sobre a morte estudia as diversas figuras da finitude que si, por unha banda, son absolutamente singulares, individuais, por outra, "cobran un sentido máis xenérico pois a todos afectan en maior ou menor medida". E así desfilan diante do lector "a contradicción non dialéctica" ("o acontecemento sen acontecemento" a negatividade ou alteridade absolutas). A continuación "a inmanencia da morte" bifurcada na liña da externalización absoluta (Epicuro) e na liña da morte internalizada, a morte coma certeza do límite. Especialmente brillantes son as páxinas sobre Heidegger (o posicionamento extremo da internalización da finitude) e Sartre (a morte coma puro feito e absoluta gratuidade).

A partir deses lugares comúns da ciencia biolóxica, o autor lévanos a considerar a insuficiencia da propia ciencia empírica. Ao abordar temas tan cheos de contido como o emerxentismo ou a finalidade, trasmítenos unha percepción profunda: o coñecemento científico require dun paso máis para saber que é a vida ou incluso o propio universo.

Moitísimo interese teñen as páxinas sobre a pulsión de morte na psicanálise e, nomeadamente, sobre o principio de individuación máxima distinguido nidiamente da posición heideggeriana. Finalmente reflexiona sobre o rol da "Alteridade", esoutro no que nos reflectimos e que se opón a nós, facéndonos fronte, figura da alteridade que cruza decisivamente todas as outras.

Segue fermosas páxinas encol do amor coma ponte sobre o abismo da finitude, a responsabilidade de custodia do vivente da memoria do desaparecido, a angustia diante da morte que agroma do temor a non ter vivido, a que non se despreguen as posibilidades do existente individual.

Nas consideracións últimas formula un a xeito de imperativo categórico "obra de tal modo que o que suceda queiras que se repita eternamente". Engade: "nós somos o que somos polo límite que é a morte", "A felicidade non é menos verdadeira porque teña fin", "vivir cada instante plenamente", "a eternidade consiste nisto, na nosa responsabilidade fronte ao presente, en cada momento, en cada instante, a felicidade reside no finito, saír da vida coma dun simposium despois de ter vivido coma inmortal.

Eu convido a todos a pensar neste libro cuxa lectura nos fai crecer, polos temas que trata que nos definen coma existentes, expostos con rigor e sinxeleza e tamén con estilo e emoción. A publicación do libro é un deses acontecementos que, decía Nietzsche, agachan a súa importancia con andar de pomba.

Compartir el artículo

stats