Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Celanova burguesa

Inda que houbo outros escritores en Celanova, tres son os que, con razón, soan con maior forza na Galicia dos séculos XIX e XX: Castor Elices, Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro

X.L. MÉNDEZ FERRÍN

Opoder económico e Celanova non parou de engordar durante as Idades Media, Moderna e Contemporánea. Pero na década de 1840 o colosal absceso estoupou e, nun intre, a revolución burguesa fragmentou a propiedade acumulada durante uns 900 anos pola comunidade monástica. Morría a Celanova de San Rosendo e nacía a Celanova de Curros.

Coa expropiación dos bens conventuais, a exclaustración e disolución dos bieitos e a posta en circulación libre de todo tipo de propiedades, tras pública subhasta, chegaron a Celanova capitalistas de fóra, coma Rodrigo Sanz, e fixéronse cos latifundios adxacentes ao convento. Fragmentáronse as propiedades e vendéronse e revendérense as parcelas até os nosos días. A titularidade de explotacións en réximo de foro ou censo púxose á venda; tamén co triunfo do liberalismo en Portugal. Con máxima velocidade, nos arredores do convento de Celanova estableceuse unha vila comercial coa chegada de homes de negocios de lugares próximos e distantes. No século XIX e para adiante fundáronse dinastías mercantís e profisinais e asentaron os apelidos Fernández Pavito, Casais, Reza, Alvarez, Lezón, Meleiro, Carrazoni, Méndez Brandón, naturalmente Curros, Elices e Ferreiro. Médicos, avogados, notarios, abriron as portas dos seus despachos. Os farmacéuticos universitarios substituiron a botica conventual. Houbo carnicería e peixería municipal, así como normas urbanísticas e de policía.

Dado que a orde dos escolapios estivo eximida da lei de disolución a causa do seu labor educativo popular, as Escolas Pías foron chamadas a Celanova para ocupar en parte do mosteiro (en precario) e a exercer o ensino gratuíto para os pobres.

En Celanova o 24 de xullo de 1854, o pobo en armas, seguindo o espírito da Revolución galega de 1846, ocupou o concello. Facíase o propio en toda Galicia e España. Foi importante este movemento, até o ponto de el suscitar, no New York Dayly Tribune, prolixos análises de Karl Marx en asociación con Friedrich Engels. Dous anos máis tarde de os revolucionarios ocuparen o concello de Celanova, despois de eles constituiren a súa Xunta de Armamento, o Banquete de Conxo, con operarios a confraternizar coa burguesía xuvenil puña rostros e nomes ilustres ás teses marxistas sobre a Revolución nos territorios do Estado Español.

Se vostedes viaxaren a Celanova e viren a cabeza de Curros Enríquez en bronce fundido sobre un inspirado molde de Asorey, observarán, como fixeron e fan os celanoveses, que o rostro do poeta olla severamente cara o convento. Nesa ollada contense o orgullo do progresismo ideolóxico e a súa satisfacción pola creba irremediábel da cobiza monástica. Celanova, pois, dotada de órgaos xudiciais de partido e favorecida como centro comercial dunha vasta bisbarra agrícola, convértese en acreedora da definición benévola da que tanto gusta Francisco Sampedro e que Rolland Barthes fabricara felizmente para Baiona de Euskadi ou de Gasconha: a vila perfecta da pequena burguesía. Finalmente, e cando xa as Mocedades Galeguistas de toda Galicia eran hexemonizadas desde a Praza, o termo municipal de Celanova foi engrosado cos concellos de Vilanova do Infantes (para desgraza deste) e de Acebedo do Río, naturalmente xa no século XX.

Inda que houbo outros escritores en Celanova, tres son os que, con razón, soan con maior forza na Galicia dos séculos XIX e XX: Castor Elices, Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro. Celanova actual, fundamentalmente a través da Fundación Curros Enríquez, xa se constituiu como vila literaria e pode representar un estímulo para outras que queiran irmandarse con ela a fin de crearen a rede cultural da que estamos a falar.

Castor Elices, médico da Armada, era fillo dun farmacéutico que se estableceu en Celanova, procedente dun Fustás non lonxano, a raíz do afundimento da grande casa benedictina. Curros Enríquez tivo como proxenitor un notario ou escribán que fruiu dos múltiples beneficios que lle producía a súa actividade profisional nos fluxos económicos que suscitou a liquidación dos bens e valores desamortizados. O pai de Curros proviña dun lonxe aínda máis lonxe de Celanova ca Fustás. Do concello da Merca, e do aínda independente de Acevedo, foi a Celanova a familia de Celso Emilio Ferreiro, que poderíamos incluir na derradeira onda de comerciantes asentados na vila desamortizada e expropiado polo liberalismo. E mais si, Curros e Celso Emilio naceron en casas moi próximas da chamada Calle Arriba que foi un tempo a vía central favorita da burguesía mercantil togada da vila posterior ao dominio monástico.

Compartir el artículo

stats