Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

"Historia dos dous amadores", segundo Xohán Rodríguez da Cámara ou do Padrón. Resume (II)

Cabalos bravos de pura raza galega. Segundo Rodríguez da Cámara, proceden das cortes do Príncipe Arlandier. // FOTO: Joaquín G. Troncoso, presidente da Asociación do Cabalo PRG.

Labráronse, cabo do firme Padrón, dúas sepulturas: pois Ardanlier foi depositado na primeira e, nun retrete adxunto, ocorreulle o propio a Lamidoras cando a este lle chegou a hora. A segunda sepultura acolleu o corpo e Liesa, ou Lyessa. No túnel que conducía ao sartego de Liesa, enterraron Irena, aquela qua ordenara fabricar o candado da prisión de amor. Entón o pazo "foi encantado". Ninguén que non fose Leal Amador podería pasar alén dos albergues fúnebres de Lamidoras e Irena. Os graus de amador eran outorgados polo firme Padrón. Ninguén podía atinxir nin a primeira nin a segunda sepultura, e chegaban reis, príncipes e donas de Ásia, de África, de Europa. Viñan en "proba de aventura" mais "só tristura e afán levaban" ao non lograren triunfar no paso.

Transcorridos moitos anos, presentouse aló Macías, o cal nacera nas abas daquela mesma montaña. Depois de graves perigos, contrastes, reveses conquire Macías o primeiro aloxamento sepulcral e pasa francamente ao segundo. Apelidando "Vulcan", Macías sofría por tocar o Padrón, e pasou polo cárcere. Entón cesou o encanto, e "a secreta cámara foi concedida".

Por iso o rei dispensoulle a Macías a mercede do porto de Morgadán, chamado Padrón a causa do Padrón encantado, que é garda principal dos sartegos. Perpetuouse o templo naquela cidade que foi poboada por cabaleiros andantes que viñeran, en perigosa demanda, ao pazo encantado. Estes armaban as súas tendas arredor da esquiva "roca", que hoxe en día xa é chamada "a Rocha". O pazo e os sepulcros ábrense por maravilla o 1º de Maio, o 23 de Agosto e o 25 de Xullo. Neses días o Alto Cupido outórgalle, aos que aman, a Grande Perdoanza en memoria de Ardaniel, de Liesa e de Irena.

E así se foi facendo un vilar que chegou a ser grande cidade. Contra a porta chamada de Morgadán, que é onde comeza a selva, está a Forte dos Azores. Os miñatos, gaviáns, falcóns, azores, de Ardaniel, ao este morrer, liberáronse e visitan xa os sartegos dúas veces ao día. Logo as aves veñen mar auga á Fonte, como soían en vida daquel que "as tanto amaba". As aves cazadoras de Ardaniel fixéranse ceibes nas selvas chamadas hoxe en día de Naia e mais nas arboredas de Miraflores, pero nunca se cebaban con galiñas, galos e faisáns que fosen criados no pazo secreto dos dous amadores.

En canto aos cabalos destreiros, égoas, palabfrés, facas, que pacían nos verxeis do pazo e eran montados moi ben por Ardanlier e Liesa e mais polas súas compañas, estes fixéronse bravos. De modo que "hoxe áchanse cabalos salvaxes daquela raza nos montes de Teaio, de Miranda e de Buxán.

Logo está aquela "flor" dos cans da Pequena Francia, que eran os treces cans de Ardanlier. Hai quen di que os trece cans foron cercar os sartegos de Ardanlier e Liesa. Logo os cans morreron e os corpos deles volvéronse de fina pedra. Considérase que os cans recuperan a vida os días da Grande Perdoanza de Cupido en Padrón.

Seguramente os sotís xeométricos deprenderon daquel pazo e templo a arte de afirmar as sepulturas dos grandes señores e a construír as apartadas capelas de ouro e azul seguindo un estilo feito de "música". Naquel pazo e templo foi tamén sepulto Macías, o Bon Gadisán, e aló tomou el grande honor, e tomáronno os seus descendentes, dos cales eu son o menor e "só herdado en lealtade".

FIN

NOTA BIBLIOGRÁFICA

A "Historia dos dous amadores" é unha noveliña autónoma que se acha incluída dentro da obra Siervo Libre de Amor, de Xohán Rodríguez da Cámara ou Padrón. Barbeito di da "Historia" que constitúe "un quiste colosal e desproporcionado"no corpo do Siervo. Eu calificaría este "quiste" como "xenial", en todo caso.

Siervo, naturalmente coa "Historia" incluída, consérvase nun só manuscrito que custodia a Biblioteca Nacional de Madrid coa signatura Ms 6052. Está escrito en letra gótica libraria de finais do século XV (Enriz Dolz).

A primeira edición da "Historia" foi feita por Murguía e aparece como apéndice do seu Diccionario de Escritores Gallegos, Compañel, Vigo, 1862. A tinta de impresión áchase esvaída nos exemplares que coñecemos, pero o papel "Cristina", ao parecer de fabricación viguesa, consérvase vigoroso e san.

Antonio Paz y Melia é o segundo editor da "Historia", que aparece en Obras de Juan Rodríguez del Padrón, Bibliófilos Españoles, Madrid 1884.

Arturo Cuadrado e Luís Seoane, directores da colección "Camino de Santiago", fixeron a edición de Juan Rodríguez del Padrón, Siervo Libre de Amor, Nova, Buenos Aires, 1943. Leva debuxos de Colmeiro.

Entre as máis recentes edicións críticas, citaremos a de Antonio Prieto: Juan Rodríguez del Padrón,

CAIXA POSTAL

  • Coméntannos, con certa insistencia, sobre a presencia ou non de cabazos na noite tradicional galega de Todos os Santos e se eiquí houbo unha festa chamada Halloween ou Hallowee ´en inglés un tanto arcaico e Samain ou Shamaín en irlandés. Eu non sei que houbese no pasado nada diso en Galicia, pero estou seguro de que agora o hai. Primeiro foi o avance devastador de Halloween traido desde Norteamerica, e logo o tornafogos nacionalista galego que se apresurou a conxurar como Samain a invasión. Era tan descoñecido o Halloween na Escocia de principios do século XIX, que o seu poeta nacional Burns tivo que escribir unha nota enorme para explicarlle aos escoceses en que consistía tal celebración. Na película, que en España se traduciu como "Matar a un ruiseñor", ten unha importancia central a celebración norteamericana de Halloween, que nunca se menciona como tal na doblaxe española. Cando eu era neno, faciamos carantoñas (así lle chamabamos) con cabazos e follas de afeitar e coitelas de zapateiro, porque o xogo tiña lugar en Vilanova dos Infantes. Nunca tal enredo tivo que ver coa celebración de Santos nin coa de día festivo especial ninguén. Risco, nos seus estudos de etnografía e do que el chamaba "cultura espiritual" de Galicia, non asociou o xogo dos cabazos, coa vela dentro, con Santos e Defuntos, que eu recorde.A última consulta recibida no Fondo dos Espellos chama a nosa atención sobre o incremento do cabazo en usos culinarios. É posibel que o cabazo tivese un lugar nos obradoiros das confiterías e docerias, digamos que para facer cabelo de anxo. Pero nas nosas casas non penso que o cabazo fose algo especialmente aprezado para os humanos. Coido que algunhas personas usaban o cabazo para adensar ou lle dar un toque ao caldo. En realidade, o caldo é algo que ou ben se despreza na Galicia actual ou ben existe unha conspiración para facelo desaparecer. Desde logo, o cabazo era usado para elaborar alimento destinado aos animais. Naturalmente, todo pasa e nada permanece, e as modas, así nos vestidos, ritos, institucións e diversións como na cociña, son formas de cultura en permanente estado de transformación.Tamén fomos preguntados polo uso en Galicia da palabra abóbora que eu só coñezo viva en Portugal. Ao meu entender, en galego temos as palabras cabazo, en masculino, e calacú. Cabazo, por extensión, tamén é unha medida desusada de capacidade e un recipiente para transportar viño. Cabazo e cabaceiro, son palabras que poden designar o hórreo ou un tipo arcaico de hórreo. Coñécese con este nome vulgarmente especies do xénero cucurbita, familia Cucurbitáceas.Siervo Libre de Amor, Madrid , Castalia, 1976.Todos aqueles que quixeren colaborar en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22 Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats