Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Viaxe ao Vigo Outro

En procura da democracia básica de Galicia

A excepción é Bembrive, parroquia do termo municipal de Vigo que goza de personalidade propia. // R.G.

Para un observador superficial, Vigo é a cidade menos rural de Galicia. Ourense sería, segundo a crenza difundida, a máis campesiña. Se miramos a cuestión de perto, ocharemos que non é así. Cando eu era neno, en Ourense non existían as parroquias ou freguesías rurais, coa excepción da de Reza (coido). O número de freguesías campesiñas que ven existindo, e vigorosamente, en Vigo desde a noite da Idade Media é moi grande.

Existe ó núcleo urbano de Vigo, pero mesmamente, este divídese, para os expertos, en dous: Santa María de Vigo e ese Santiago de Vigo que a Igrexa Católica despreza con contumacia. Ao cal debemos sumar un segundo grande espazo vilego histórico: Bouzas, cuxa personalidade se mantén orgullosamente en pé.

Procedentes dos concellos extintos de Bouzas e de Lavadores, e do antigo de Vigo, aí as están as antigas, as vivaces, as activas e reais freguesías non recoñecidas de Vigo, aproximadamente: Alcabre, Beade, Bembrive, Cabral, Candeán, Castrelos, Coia, Coruxo, Freixeiro, Lavadores, Matamá, Navia, Oia (non confundir co mosteiro atlántico), Saiáns, Comesaña, Sárdoma, Teis, Valadares, Zamáns. Vexan aínda: no Nomenclátor Oficial de Galicia, alén das entidades parroquiais citadas, e con categoría de entidades de poboación inferiores a estas, aparece unha lista, dentro do termo municipal de Vigo, duns 300 topónimos, todos os cales con vida social activa hoxe.

Ningún nome de freguesía e nome ningún de rueiro ou poboación menor está recollido nos rexistros oficiais do Concello de Vigo. Para o Concello de Vigo e para os políticos que o veñen administrando, esa realidade social e esa riqueza cultural onomástica non existe.

O Vigo campesiño, hoxe maioritariamente axustado ao que na antigüidade se chamou co oxímoron "rus urbanus", vive principalmente no val e conca do río Fragoso ou Lagares. Aínda gabea polas caidancas da Madroa. Unha pequena porción é bucólica no curso alto do río Miñor, onde recibe outro nome: Zamáns. As ribeiras do mar, de Bouzas a Saiáns, súmanse a este concertó de aldeas e rueiros vivos. Outros, con metodoloxía xeográfica, poderán explicárlle-lo mellor ca min.

Como é posíbel que tal cantidade de poboacións rexistradas pola Xunta de Galicia no seu Nomenclátor carezcan de calquera recoñecemento oficial no Concello de Vigo? Parecer, parece mentira, pero o caso é que Bouzas non ten existencia administrativa tanxíbel. E, igual ca Bouzas, non a teñen Teis ou Valadares, e mais os núcleos de poboación vivos do termo municipal de Vigo. A excepción, a este respecto, é Bembrive, parroquia do termo municipal de Vigo que goza de personalidade propia con carácter de entidade local menor. E xa tiña nos tempos franquistas.

O cal nos leva a un problema sen resolver.

O nacionalismo galego, desde os anos dez do século XX ao día de hoxe, xurou que a freguesía ou parroquia laica representa a base histórica e cultural da patria galega. Castelao é autor de páxinas magníficas sobre a parroquia. Nos programas de todos os partidos nacionalistas sempre figurou a posta en vigor das parroquias administrativas. A UPG, no seu texto fundacional e nos previos de 1963, reclamou que os concellos se articulasen en distritos e parroquias. A lei española permite que se creen esas entidades administrativas de rango inferior ao municipio. Así, por toda Castela, poño por caso, florecen as Juntas de Distrito, en cidades e en concellos rurais. Madrid, sen ir máis lonxe, áchase dividido en distritos. Por outra parte, a lexislación galega autonómica permite que podan porse en vigor as entidades parroquiais de carácter inferior ao concello. A maior abondamento, as leis autárquicas de Portugal establecen, para toda a República a existencia, universalmente activada, das Juntas de Freguesía, cada unha cos organismos administrativos pertinentes.

En Galicia non existen máis parroquias ou xuntas admnistrativas menores que as que xa funcionaban en tempos da dictadura de Franco; entre elas, como xa vemos, a de Bembrive. Ningún partido, e simultáneamente ningún partido nacionalista, tivo o menor interese en pór en vigor estas unidades de democracia básica. Preferiron caciquear coas asociación de vecinos, de pais, de augas e de montes, porque resultaba moito máis cómodo controlar estas que propoñerlle a una parroquia enteira o sufraxio universal e secreto en urna.

Unha das mostras do terríbel atraso político que sofre Galicia en xeral e o nacionalismo en particular é o feito de que as parroquias, células básicas da nosa peculiaridade nacional, non foron en parte ninguna postas en vigor no actual réxime.

Que eu saiba, ningunha freguesía ou parroquia de Galicia foi constituída administrativamente dacordo coa lexislación galega autonómica vixente. As que funcionan (Entidades Locais Menores) con autonomía son aquelas freguesías que se crearon segundo o Estatuto Municipal de Primo de Rivera, con continuidade, a estes efectos nas leis republicanas e na franquista de réxime local de 1955. Estas son, por orde alfabética: Arcos da Condesa (Caldas de Reis), Bembrive (Vigo), Camposancos (A Guarda), Chenlo (O Poriño), Morgadáns (Gondomar), Pazos de Reis (Tui), Queimadelos (Mondariz) e Vilasobroso (Mondariz). Só elas.

Se vostedes saen de Galicia en dirección a Portugal poderán admirar o ben que funcionan as Juntas de Freguesía de cada concello, urbano ou rural daquela República, se a viaxe a fan cara a León, comprobarán que en todos os concellos do Bierzo están constituidas as Xuntas de Distrito ou Pedanías.

Insisto no atraso político de Galicia e na infidelidade a Castelao que parece ser común a todo nacionalismo galego realmente existente.

Os nomes desposuídos de contido político-administrativo das parroquias de Vigo son unha denuncia viva e permanente do que estou a proclamar sen confiar nada en que alguén me vaia emprestar atención.

CAIXA POSTAL

  • "Amigo Ferrín: De vez en cando aparecen noticias na prensa e nos medios de comunicación doutro tipo sobre localidades cuxa autoridade se elixe nas eleccións municipais e que chaman "entidades locais menores", Por qué hai tan poucas e cal é a sua historia? Teño lido e ouvido varias versións e quería formarme unha idea. Moitas gracias".Madalena Rubido GonzálezFerrolOs nacionalistas galegos sempre pensaron que o municipio uniformista imposto polo liberalismo no século XIX en toda España era unha institución pensada para os "pueblos" ou grandes poboacións de Castela e Centro e Sul da Península. A poboación dispersa maioritariamente de Galicia requería outro tipo de administración local, e propúxose que, dentro do municipio, tería que ter personalidade xurídica unha parroquia civil laica e administrativa. Isto converteuse nunha reivindicación básica do nacionalismo desde as Irmandades da Fala nos anos dez do século XX.Tense entendido como un triunfo do nacionalismo galego o feito de que o Estatuto ou Lei Municipal da Dictadura de Primo de Rivera (1924) abrirá a posibilidade de crear en Galicia, e non só aquí, "entidades locais menores".Logo a lexislación municipal da II República e aínda a de réxime local do franquismo (1955) seguiu contemplando a posibilidade de constituírense en Galicia "entidades locais menores". Levantáronse neste tempo (Dictadura de Primo de Rivera, República e Franquismo) as que existen e funcionan agora.Máis tarde, no réxime vixente, a lexislación de réxime local española e a autonómica galega tamén se abriron á creación de administracións parroquiais. Pero os partidos políticos nunca quixeron usar de tal lei e non crear administracións parroquiais novas. Por qué? Conviría estudar as razóns deste abandono dun punto do programa histórico nacionalista.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoRúa García Barbón, 87Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats