Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Andel de escritora

A biblioteca de María Victoria Moreno

Se hai algo que María Victoria Moreno considerase insalvable e valioso era a súa biblioteca. A ela podemos aplicarlle a concepción da que falou Marguerite Yourcenar, por boca do emperador Hadrián, quen dixo que as nosas verdadeiras patrias son os libros, pois estes son ese espazo propio dende o que avaliar a existencia humana e, por tanto, podemos coñecer unha persoa polos libros que le. Ese seu precioso tesouro está hoxe depositado, por decisión da autora, como unha mostra máis dese profundo afecto que sentiu esta docente vocacional polos seus "cachorros", no IES Torrente Ballester de Pontevedra, onde impartiu aulas de lingua e literatura españolas durante a década dos 90 ata a súa prematura xubilación no curso 2001-2002, co desexo de seguir facendo lectores exixentes coma ela, lectora infatigable nese pouco tempo libre que tiña cando os quefaceres domésticos e laborais llo permitían, coa certeza de que na lectura podemos atopar o abrigo, a enerxía, a verdade e o consolo suficientes para emerxer máis armados, máis conscientes, máis lúcidos, máis felices e, sobre todo, menos sós, pois esta profesora e escritora bibliófila sabía da importancia e valor das variadas edicións, dos diferentes datos que cada unha contiña, da elegancia e sofisticación das encadernacións, da súa calidade, tanto polo coidado do deseño como pola autoridade filolóxica a quen esta fora encargada, da beleza da textura do papel (algún de folla tan fina coma as ás das "policas" que lle serviron de inspiración nalgún dos seus contos), e sobre todo, do valor do seu contido. Os libros que M.V.M. foi atesourando ao longo da súa vida falan das súas dúas patrias, a primeira, a da persoa cuxa lingua materna é o castelán e a segunda, a da persoa que chega a Galicia na década dos 60 e descobre a súa realidade lingüística e cultural, facéndoa súa, e escribindo e traballando para ela a partir de entón. Os seus libros tamén dan conta de dúas facetas lectoras diferentes, a primeira, a de filóloga que le dende unha orde imposta polos estudos académicos e a segunda, a de escritora que se formou a si mesma, segundo un certo azar, así como as tendencias e ofertas do mercado do momento, coa sensación de que o lector, en realidade, nunca busca os libros senón que son os libros os que o atopan a el. No entanto, no epicentro de todo ese universo, cunha concesión ao coleccionismo que podería ser a envexa de calquera bibliófilo de culto, está El ingenioso hidalgo don Quijote de La Mancha de Miguel de Cervantes que durou catro décadas (dende finais dos anos 50 cando é estudante de Filoloxía Románica na Universidade Central, hoxe Complutense, de Madrid, ata finais dos anos 90 en que lle diagnostican cancro de mama) durante as cales MVM foi mercando as diferentes edicións do clásico, así como os estudos sobre o libro, o autor, o contexto histórico e os mundos referenciais que este contén, alén de adaptacións a outros xéneros e traducións a outras linguas, coleccionismo que dá conta de canto MVM amou esta obra, sempre actual, que aposta pola idealización como única verdade. Nos diferentes volumes da obra MVM foille engadindo do seu puño e letra anotacións, que van dende reflexións, citas, datos importantes, cualificacións, guías de lectura, autores e obras, así como subliñados, que abren camiños de luz sobre os temas que lle interesaron, na idea de que os libros conteñen portas invisibles, camiños e pasaxes que conducen a outros libros lidos e a por ler, tamén pensamentos, dúbidas ou curiosidades. Xa que logo, O Quixote foi "o libro". Lelo, relelo, abrilo por onde lle cadrase, unha hora, unha tarde, un mes, un ano, toda a vida? co desexo de comprendelo na súa totalidade nun estado que imaxinamos próximo á felicidade, pois, coma Jorge Luis Borges, MVM presumía máis dos libros que lera que dos que escribira e sempre imaxinou o paraíso como unha especie de biblioteca na que encher a vida de longa e apracible voluptuosidade intelectual.

Tradutora

  • Coa aparición da Lei de normalización lingüística no ano 1983, as editoras botan a andar coleccións de diferentes idades e formatos nos que importar libros doutras linguas cos que ampliar o noso acervo cultural, así como exportar os nosos. Canda outros escritores e escritores do momento, María Victoria Moreno participou na construción desta angueira común co desexo de contribuír a construír unha lingua e un corpus literario rica e suxestivo. Así, na colección "A Chalupa" que a Editorial Galaxia viña de poñer en marcha, en colaboración coa editorial vasca Elkar e coa catalá La Galera, traducirá ao castelán O can Rin e o lobo Crispín, de Carlos Casares; O pintor do vento de Xesús Pisón; O día que choveu de noite, de Helena Villar. Do catalán, lingua que aprendera na vida fóra das aulas durante a etapa do bacharelato en Barcelona, traducirá O voo de Inés (1984) de María Luz Uribe editado en Argos Vergara e xa contra finais desa década, María Victoria Moreno, para a colección "Árbore" que acababa de botar a andar, traducirá Isto que ves é o mar, de Gabriel Janer Manila; Os ollos do dragón de María Ángels Gardella; Mecanoscrito da segunda orixe de Manuel de Pedrolo e As mazás da prosperidade de Hans Christian Andersen.

Compartir el artículo

stats