Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rebeldías de Albert

Como fabricar outra luz

Rebeldías de Albert

A obra O gran rexeitamento/Flores para Albert Ayler é inevitabelmente un opúsculo. (A plaquete está magnificamente deseñada pola Apiario Editora na súa colección "Pan de Abella". Os nosos máis fervorosos parabéns ante esta nova iniciativa editorial). Contrariamente ao que o longo título podería suxerir, o exemplar está composto, tan só, por catorce breves poemas de Daniel Salgado (Monterroso, 1981). Podemos afirmar, así mesmo, que a maior parte dos versos que conteñen son irrefutabelmente un tributo. A capa indícanos que a persoa homenaxeada é Albert Ayler (Ohio, 1936-1970), saxofonista estadounidense, cantante e compositor, que seguiu os derroteiros do free-jazz, primeiro por Europa (Suecia, Dinamarca, Holanda, Italia...) para logo afincarse nos Estados Unidos, aínda que sen deixar de realizar xiras polo Vello Continente. A súa música, baseada na libre improvisación, non exclúe o virtuosismo nin o arrebato órfico.

Resulta moi difícil precisar a engranaxe que se postula nunha obra que bebe e que se xustifica pola audición. A arte sonora, ao traladala á palabra humana, muda de dimensión. O vocábulo, sen o soporte musical, padece unha orfandade parcial que, acaso, poida ser máis radical do que pensamos. Establécese, daquela, un diálogo entre estas direccións artísticas, aínda que os lectores só podemos percibir as pegadas que o poeta verbaliza. Non estraña atopar manifestacións dun entusiasmo case místico cando lemos: "é o ruído sagrado/que fractura o paso do tempo". Efectivamente, a composición musical aspira a esculpir o tempo así como a súa interpretación ensimesmada aspira a transportarnos do modo en que o proprio intérprete se transporta: "o músico procura achegarse ao caos/pero non perde pé". Eu agregaría que o músico procura achegarse ao caos para non perder pé, isto é, trataríase dunha loucura que nos fai máis cordos, así como a arte e a literatura chega á verdade a través das mentiras, quérese dicir, do artificio.

Na poesía de Daniel Salgado creo distinguir, desde sempre, enormes doses de indignación perante unha realidade que, con toda razón, xulga cruel e inxusta contra os desfavorecidos. En varios versos observo que a admiración polo músico estadounidense, alén do carácter revolucionario que achou nos seus pentagramas, se debe ao que considera como "revolta dos escravos". O que aprecio sobretodo nos seus textos son os momentos en que, dun modo case visionario, o noso autor sanciona a época que lle tocou vivir: "a lóxica é o desequilibrio/.../contra o vento/cómpre a insistencia". Ou cando vislumbra a escura claridade da vida: "a profecía bate contra o futuro/agrídeo/fai por detonalo/ensaia como fabricar outra luz". Non outra cousa fai a poesía.

SALGADO, Daniel, O gran rexeitamento/Flores para Albert Ayler, Ed. Apiario, A Coruña, 2017, PVP. 12 ?

Compartir el artículo

stats