Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Emilio Xosé Insua e Xurxo Martínez González: "Antón e Ramón Vilar Ponte influíronse mutuamente"

Emilio Xosé Insua López e Xurxo Martínez González son os autores de Común temos a patria. Biografía dos irmáns Vilar Ponte, que vén de saír do prelo publicado por Edicións Xerais. As súas figuras deveñen imprescindíbeis para comprender o xermolo do nacionalismo galego contemporáneo.

Xurxo Martínez González (á esquerda) e Emilio Xosé Insua.

- Como xurdiu a idea de facer esta biografía conxunta dos irmáns Vilar Ponte?

- Xurxo Martínez González: Coñecémonos logo do meu interese por Ramón, para un traballo universitario. Emilio publicara varios traballos e gañara o premio de ensaio do Centro Ramón Piñeiro con Unha irmandade alén do sangue, que é o precedente deste Común temos a patria. Dende entón falamos moito arredor destes irmáns e, co gallo do centenario das Irmandades, propuxémoslle o proxecto a Xerais.

- Ao ser un libro escrito a catro mans, como fixeron para dividir o traballo? Cada un de Vdes. ocupouse dun dos irmáns?.?

- Emilio Xosé Insua: Elaboramos inicialmente un amplo guión provisorio, con todos os aspectos que cumpría abordar sobre os dous irmáns e cos apartados ou capítulos en que se podería estruturar a grandes trazos a nosa obra e logo repartímonos eses apartados e capítulos, para facer unha primeira redacción, con independencia de se se trataba dun ou doutro irmán. Cada un de nós envioulle o seu "quiñón" de texto "en bruto" ao outro coautor, con plena liberdade para retocar, suprimir, refacer, ata chegarmos, logo de varias "idas" e "vindas" nalgún apartado concreto, a unha versión depurada que respondese á plena satisfacción de ambos, como así foi.

- Canto máis se sabe de Antón Vilar Ponte, máis acreditan algúns que, de non existir Castelao, Antón sería a figura más emblemática do nacionalismo galego contemporáneo. Están Vdes. de acordo con esta consideración?

- E.X.I.: Antón ten moitos méritos para ser considerado unha figura histórica central da Galiza do primeiro terzo do século XX, non só do nacionalismo. Non esquezamos que o seu traballo procurou sempre incardinarse en plataformas colectivas, nomeadamente nas Irmandades da Fala. Foi decote un espírito inquedo, unha antena atenta ao pulso da actualidade e un promotor incansábel e lúcido das máis diversas iniciativas a prol da cultura e identidade do país.

- X.M.G: O propio Castelao dixo que Antón era a orixe mesma do nacionalismo. Pero é importante subliñar que a tarefa de ambos se sostén dentro dun colectivo. É dicir: son persoas con virtudes notables, capaces de conectar co pobo para trasladar unha mensaxe política-ideolóxica feita por varias persoas.

- De todas as facetas que cultivou Antón, cal delas cren que é a máis interesante, a que deixou maior pouso histórico?

- E.X.I: Todas parten dunha mesma intención: servir o país. Como xornalista e director de publicacións, como escritor, como intelectual e académico, como home de teatro, como político... Sempre está o progreso e a dignidade da Terra como norte orientador. Así e todo, a que máis impresiona, sequera sexa só polo volume de traballo que comportou, é a xornalística. Centos de artigos, de grande altura na forma e no fondo, imprescindíbeis para entender esa época.

- X.M.G: Canda a xornalística, destacaría o esforzo teórico que realizou nos primeiros pasos das Irmandades e a súa intransixencia lingüística a prol do galego, que marcarían a ruptura cos adeptos do "regionalismo sano y bien entendido."

- Pensan Vdes. que, de ter vivido despois da Guerra Civil, Antón tería evoluído cara ás ideas máis achegadas ao independentismo, tal e como fixo Castelao?

- E.X.I: O ideario de Antón tivo sempre tres notas predominantes: Galiza, concibida como Nación de pleno dereito; a Esquerda como ideal emancipador dos seres humanos e a República Federal como fórmula idónea para a convivencia harmoniosa dos pobos. Aventurar que tería sido logo da guerra é abondo arriscado, pois mesmo habería que comezar por aventurar que tería sido del durante o propio conflito. Seu irmán Ramón pasouno ben mal e, non obstante, mantivo unha fidelidade total aos ideais e á memoria "irmandiña".

- X.M.G: Antón movíase en eixos de esquerda e soberanismo. Como demócrata, era republicano. A súa evolución é difícil de avaliar polo que comenta Emilio. E, como di, Ramón padeceu a represión, foi vítima dunha malleira de falanxistas na Coruña xa de vello e non renegou da Xeración do 16, senón que a enxalzou incluso durante a propia ditadura (léase o discurso de ingreso na RAG).

- En que medida influíu Antón nas ideas políticas do seu irmán menor, Ramón?

- E.X.I.: Foi unha influencia mutua constante e enriquecedora, da que apenas se pode destacar un aspecto "discrepante" na cuestión das crenzas relixiosas: devoto católico, Ramón; agnóstico declarado, Antón.

- X.M.G: Ramón, licenciado en Filosofía, dedicouse máis á teorización nacional ( Doutrina nazonalista e Breviario de Autonomía) e desenvolveu ideas lanzadas polo seu irmán, como Antón tamén collería ideas de Ramón para o combate coa pluma na prensa, coa oratoria na tribuna e cos mitins nas prazas. Ocuparon espazos distintos, pero coordinador a partir dun mesmo esquema político-ideolóxico.

- Fágolles agora a mesma pregunta que fixen antes de Antón. De todas as facetas que cultivou Ramón, cal delas cren que é a máis interesante, a que deixou maior pouso histórico?

- E.X.I: Ramón destacou como organizador e activista das Irmandades, sobre todo no período 1917-1921, e a partir de entón, fundamentalmente, como un ideólogo ou doutrinario defensor do dereito dos pobos á libre determinación.

- X.M.G: Engadiría que Ramón foi constante na mensaxe intransixente a prol da lingua galega. E, xa no exilio interior da posguerra, tivo unha fidelidade absoluta ás Irmandades e á figura de Castelao, desprezando as posturas colaboracionistas co feixismo dalgúns antigos compañeiros.

- Que diverxencias ideolóxicas había (se as houbera) entre os dous irmáns? Cal foi o seu papel respectivo no Partido Galeguista?

- E.X.I.: Antón e Ramón afrontaron os inicios do período republicano nas fileiras da ORGA, pero Ramón pasou moi axiña ao PG (febreiro de 1932), mentres que Antón demorou o ingreso neste ata que estivo libre da responsabilidade de ser deputado electo pola ORGA. Nas eleccións de febreiro do 36, Antón figura como galeguista na candidatura da Fronte Popular, mais Ramón está nese intre "en retirada".

- X.M.G: Ramón está en desacordo coa alianza do 36,pero non secunda a escisión da Dereita Galeguista, como tampouco faría Otero Pedrayo, bo amigo e confidente. Ambos eran partidarios de que o PG concorrese en solitario e miraban con reservas o comunismo.

- A historia das Irmandades da Fala tivera sido a mesma sen a presenza dos irmáns Vilar Ponte?

- E.X.I: Foron os seus ideadores e en boa medida os seus ideólogos, contribuíron coma poucos á súa expansión e asentamento, protagonizaron boa parte das súas actividades, participaron en primeira liña nos seus debates e mesmo nos seus conflitos... A súa presenza resulta, pois, decisiva e insoslaiábel.

- X.M.G: A intensa participación de Antón e Ramón nas Irmandades tórnaos imprescindibles para comprender aquel período. Ambos son os impulsores dos principios fundacionais das Irmandades e da súa primeira convocatoria en maio de 1916, onde estivo presente, como única muller, Micaela Chao, compañeira de Antón e dirixente da sección feminina das Irmandades da Fala.

Compartir el artículo

stats