Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

FARO DA CULTURAA arte do malvado

Nin Narciso nin Torquemada

O director de cinema Roman Polanski

É unha sorte que a maioría dos canallas non teñan talento porque, ao longo dunha etapa da historia, a arte deveu un refuxio tan sacro como o foi a Igrexa. Pero o certo é que a arte xa non redime o artista. Esta sentenza libera a obra das apetencias narcisistas do creador e da proxección da súa sombra, colocándoa baixo unha nova posición no inevitábel debate sobre os límites da ética. Ilumínase a necesidade de liberar a obra das perversións dos homes.

A maioría dos malos non teñen un don, pero nestes días algunhas excepcións saíron na foto do caso Harvey Weinstein. Ábrese un debate que ten afaladas arestas. Por unha banda, nada que dicir sobre as responsabilidades individuais; non só non estamos en condicións de abrir xuízos sobre ninguén, senón que é un refuxio impropio cando se quere esclarecer a natureza das condutas colectivas que dan ancoraxe a esoutras individuais. Por exemplo, o uso dos pronomes posesivos para referirnos aos outros dá testemuño dun estado de conciencia de cousificación das persoas que alenta malos tratos. De igual xeito, a identificación narcisista do ego coa imaxe permite aferrar nas conciencias a posibilidade de censurar a arte como consecuencia dos actos do artista. Alguén pensa que somos realmente libres cando nos posicionamos en calquera debate polo feito de actuar en conciencia? É interesante observar a arbitrariedade con que depositamos a atención só na dimensión individual, esquecendo o feito colectivo destes actos que facilitan a actuación individual. Seguramente necesitamos sentir que non temos culpa; pero esta pretensión non pecha.

Tamén estamos fronte á tendencia de reducir todo ao xogo dos binarios: a perversión fronte á virtude, fenómenos universais que conviven en nós. Volver ao estado paternalista censurador, colócanos nun escenario perigoso. Quen decidirá sobre as obras que poden ser observadas? Fóra das polaridades hai todo un universo alén. Nin Narciso nin Torquemada valen. A obra non é o home que está detrás dela, e as categorías nunca son inocentes.

Houbo unha petición que asinaron máis de 9000 persoas para que o Metropolitan Museum de Nova York retirara o cadro de Balthus, T hérèse soñando. Numerosos artigos sucedéronse preguntándose sobre a produción de arte cuxos autores están baixo a sombra da sospeita ou da confirmación. Identificar a obra co seu autor é a consolidación dunha cultura narcisista que atopa a identificación da persoa coa imaxe e a súa recíproca protección. Nin a obra é parte do artista nin a arte exonera de nada a ninguén. Contaminar a obra coa perversión do autor é unha conduta de máxima ignorancia colectiva ou, no caso das vítimas, de máxima inocencia e implicación emocional, algo que respectamos e comprendemos.

Crémonos unha unidade absoluta, indisolúbel e constante. Nada máis falso. Somos moitos en permanente loita, e o perverso convive co virtuoso e con moitos en cada un de nós. O canalla pode producir arte de calidade; incluso pode que ata sexa bo cando produce arte. Unha das calidades da arte é a confrontación coa natureza escura do ser humano e a súa transmutación. Ou estamos por confundir o espazo simbólico do cadro ou da película coa realidade? Imos queimar toda obra susceptíbel de interpretacións perversas? Non hai nada de malo na imaxe da sexualidade adolescente. É curioso que se xunten respaldos para censurar un cadro dunha exposición ou un libro do mercado, pero non para denunciar os obxectos producidos por menores en situación de escravitude ou os reality da televisión que sosteñen unha rede de condutas produtoras de maltrato. Non é máis real o que se expón nun comercio ou o que sucede nun estudo de gravación de televisión que o que acontece dentro dunha imaxe?

Se hai algo categórico nisto, é que na contemplación da arte esquecemos o home, ese ser pequeno que, ás veces e independentemente das súas miserias, antes de desaparecer para sempre, é atravesado por algo grande e eterno como a beleza.

Compartir el artículo

stats