Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Como dous trapecistas

As cartas de Albert e María

María Casares (1922-1996).

O 16 de febreiro de 2017, falabamos no FARO DA CULTURA de María Casares, como "Espectadora de si mesma. No seu 20º cabodano", facendo referencia a súa autobiografía (1922-1996), Résidente privilegiée,1980, felizmente traducida ao galego por Trifolium. De Albert Camus témonos ocupado asemade neste mesmo suplemento o 3 de xuño de 2010: "Presenzas de Camus. No tempo de L'Homme révolté". Máis recentemente, o 9 de novembro, Gallimard veu facernos entrega do libro Correspondance 1944-1959 Albert Camus - María Casares, unha apaixonada relación amorosa entre unha grande actriz de cinema e teatro e un extraordinario escritor. A filla do premio Nobel de literatura (1957), Catherine Camus, decidiu publicar un conxunto de 865 cartas, postais e telegramas inéditos e, por primeira vez co titulo Correspondance, entre o autor de O estranxeiro e mais a actriz galega. O epistolario cobre case que dezaseis anos e recóllese en 1.300 páxinas.

Catherine escribe no prólogo do libro: "Esta correspondencia, ininterrompida durante doce anos, mostra perfectamente o carácter evidente e irresistible do seu amor (...).grazas a ambos. as cartas fan o mundo máis vasto, o espazo máis luminoso, o aire máis lixeiro, simplemente porque existiron". Nunha entrevista na RTL, Catherine comenta: "miña nai sabia da relación, pero falaba con moito respecto de María, e incluso con afecto". Cando Francine Faure morreu, a comezo dos 90, Catherine buscou coñecer a amante do seu pai e trasladouse a Niza, onde María estaba representando unha obra de teatro. Tiña cobiza de coñecela e compralle a correspondencia amorosa que gardaba nun dos bolsos de viaxe, de maneira desordenada, tal como ela era.

Albert Camus e María Casares coñecéronse o 19 de marzo de 1944 na casa do escritor Michel Leiris, despois de asistir á lectura da farsa de Picasso O diaño atrapado pola cola. O 5 de xuño, tres semanas antes da estrea de O malentendido e despois do ensaio, invítouna a unha festa organizada por Sartre e Simone de Beauvoir na casa do director Charles Dullin. Sairon xuntos e amañeceron xuntos, nunha madrugada histórica e, non só para eles, xa que aquel 6 de xuño de 1944 foi o día do desembarco en Normandia.

Despois dunha redada dos alemáns, Camus abandona París. A relación de amor interrómpese a finais de 1944, cando Francine, a muller do escritor, se instala definitivamente na capital francesa cos seus fillos xemelgos, Catherine e Jean. Pero catro anos máis tarde, outro 6 de xuño, o azar fai que se crucen no boulevard Saint-Germain. Nunca volverán separarse. E como nun film, as dúas estrelas decláranse amor eterno. El, como o gran sedutor que era, gustaba de que o comparasen con Bogart. O seu parecido fai que María comente: "estaste volvendo tan prodixioso e perigoso para min nas túas ausencias".

En 1957 Camus recibe o Nobel de Literatura e María envíalle un telegrama: "Que festa, mozo vencedor, que festa! María". "Nunca sentín tantas saudades de vostede. Teu Alonso", responde Camus, coñecedor do teatro clásico castelán. Dous anos despois, logo pasar a noite de Ano Novo con Francine, os fillos e mais a familia Gallimard no sur de Francia, escríbelle a María: "Estou tan contento coa idea de verte, que ao escribir isto, comezo a rir". O 4 de xaneiro de 1960, o automóbil no que volvía a París xunto cos Gallimard bate contra unha árbore, ocasionándolle a morte a Camus.

María Casares ve a parella que forma co escritor como a de dous trapecistas: "Alá enriba, sempre moi enriba, sempre tensos, agarrados o un o outro, sostidos polo outro. E debaixo, o abismo".

A forza da paixón

  • Amor e paixón entre María Casares e Albert Camus, entre 1944-1959. María: "Vostede apareceuse como un ultimo colete salvavidas lanzado no medio dunha vida que ata entón estaba baleira. Agarreime a el con todas as miñas forzas e, voluntariamente, pechei os ollos a todo o que podía pór en perigo esta ultima esperanza... Deséxote, meu amor, da mañá deica á noite. Non sei o que me acontece. Nunca me sentín así, e ata me dá un pouco de vergoña... Estou ardente por dentro e por fóra, todo queima, alma, corpo, corazón, carne, entendes?". Camus: "É falso que o amor nos deixe cegos, seino pola miña propia experiencia. Polo contrario: tornase perceptible aquilo que, sen el, non chegaría a existir e que, non en tanto, é o máis real deste mundo: a dor da persoa que amamos...Miña querida, meu querido amor, miña pequena gaivota, negra troita, saborosa". Xa na última carta, datada o 30 de decembro de 1959 (cinco días antes de morrer), o escritor dille á súa amante: "Non teño razón de privarme do teu sorriso e das nosas tardes, nin da miña patria. Abrázote, apértote contra min, ata o martes, onde recomezarei". "Cando se ama é para sempre -diría María Casares, moito despois da morte de Camus-, porque se unha vez, grazas ao amor, deixaches de estar soa, xa non estarás soa nunca mais".

Compartir el artículo

stats