Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Hollywood espello

Secuencias de Alejandro Amenábar

Cartel publicitario do filme Ágora (2009), protagonizado por Rachel Weisz e dirixido por Amenábar.

Na cerimonia dos Goya de 1996, a ópera prima de Alejandro Amenábar, Tesis, recibía o premio á mellor película en prexuízo de El perro del hortelano de Pilar Miró, baseada nunha obra teatral de Lope de Vega. O acontecemento non escapa ao simbolismo: un thriller dirixido por un director novel sae vencedor fronte a unha transposición teatral dirixida pola mentora da "Lei Miró" dos anos 80, orde que promovía a adaptación de textos da literatura hispana. O respaldo non foi só académico, senón tamén recaudatorio; o público español, que adoitaba a encher as salas que exhibían películas estadounidenses deste xénero, daba a benvida a este tipo de cine que, nos anos sucesivos, aportarían novos títulos de relevancia. Con tan só vinte e catro anos, despois de abandonar a carreira de Comunicación Audiovisual por, segundo as súas verbas, desacordos co programa curricular, Amenábar convertíase na grande esperanza branca do cinema español cun filme que pretendía emular a estética e a narrativa do cine de suspense hollywoodiense.

Historicamente, a cinematografía nacional debeu librar sempre unha batalla en inferioridade de condicións fronte a industria norteamericana que, desde os anos 30, foi quen de artellar un modo de representación capaz de ser aceptado en todo o mundo. Amenábar tiña claro que a súa obra, para rivalizar co modelo estadounidense, debía asimilar os seus parámetros na medida do posible. A súa identificación con Hollywood queda patente coa súa segunda longametraxe, Abre los ojos (1997), cuxos dereitos foron mercados por Tom Cruise para un remake dirixido por Cameron Crowe, Vanilla Sky (2001). A película, con grandes analoxías coa novela de Philip K. Dick Ubik e o filme de ciencia-ficción Desafío total ( Total Recall, Paul Verhoeven, 1990), reflexiona sobre o verdadeiro cariz da existencia humana, tema no que volverá anos despois con Los otros (2001), historia de terror gótico que recompila moitos dos elementos clásicos do xénero e que, ademais, bebe da fonte literaria de Henry James Outra volta de porca. De novo aparece a figura de Tom Cruise, a través da súa produtora, e da que, por aquel tempo era a súa muller, Nicole Kidman, que encabezaba un reparto internacional.

Curiosamente, a película menos "hollywoodiense" de toda a súa filmografía foi a que lle deparou maior éxito internacional. Con Mar adentro (2004), acadaría numerosos recoñecementos, incluso un Oscar e un Globo de Ouro á película de fala non inglesa. O filme narra a vida de Ramón Sampedro (interpretado por Javier Bardem), un mariñeiro galego que, tras quedar tetrapléxico, iniciou unha dura e larga batalla xudicial a favor da eutanasia. Rexeitadas todas as súas peticións, Ramón Sampedro suicidaríase en 1998 tras inxerir cianuro coa axuda da súa amiga Ramona Maneiro.

Tras esta paréntese, volvería a ficar a mirada alén das nosas fronteiras cun alegato feminista e fronte a intolerancia relixiosa. Ágora (2009) narra a historia de Hipatia de Alexandría (encarnada por Rachel Weisz), unha matemática e astrónoma grega do século IV que foi asasinada por fanáticos cristiás. A película non acadaría o éxito de público agardado e Amenábar tardaría seis anos en volver dirixir unha película, desta vez para regresar á fórmula que tanto éxito lle reportara tempo atrás, o xénero de suspense. Trátase de Regresión (2015), unha co-produción hispano-canadiense, con Emma Watson e Ethan Hawke no reparto, que profunda na psicoloxía dun criminal e que supuxo un novo revés de público.

En definitiva, Alejandro Amenábar supón, xunto con Juan Antonio Bayona, o máximo expoñente da "americanización" do noso cine, coa asimilación do ritmo e da forma de referentes como Spielberg, Hithchcock, Tourneur, Polanski ou incluso Orson Welles.

A Guerra Civil

  • Catorce anos despois de Mar adentro (2004), película coa que acadaría un Oscar á mellor película de fala non inglesa, Alejandro Amenábar volverá a rodar en España, en castelán e, sobre todo, cun tema tan hispano e cinematográfico como a Guerra Civil Española. Deste filme, que se titulará Mientras dure la guerra, poucas son as novas que transcenderon ata agora. Sábese que, nun principio, a rodaxe ten previsto empezar a vindeira primavera, pero, de momento, descoñécese aspectos relevantes como o reparto e algunhas cuestións que atinxen ao argumento. Na filmografía precedente de Amenábar, atopamos poucos referentes ao contexto histórico español, polo que esta produción será un reto inédito para o cineasta hispano-chileno, xa que terá que facer confluír un drama persoal dentro do marco da historia da guerra de 1936. Telecinco Cinema, a empresa máxima responsable do seus proxectos anteriores desvincúlase, nesta ocasión, desta nova longametraxe, probablemente tras o fracaso de recadación que supuxo Regresión (2015), a historia de misterio e suspense rodada en Canadá. Pola súa parte, a produción correrá a cargo de MOD, propiedade de Fernando Bovaira, un dos descubridores e mentores, xunto co cineasta afincado en Galicia José Luis Cuerda, de Alejando Amenábar.

Compartir el artículo

stats